A Aula GaliciaAberta da Secretaría Xeral da Emigración conclúe os seus obradorios con preto de 400.000 visualizacións

A iniciativa buscaba manter a formación e divulgación da cultura galega en todo o mundo durante a crise do coronavirus. 

Os seminarios comezaron o luns 27 de abril e concluíron esta semana, sendo gratuítos e de libre acceso para todos os públicos.

As sesións formativas abordaron inicialmente canto e pandeireta, percusión, gaita e baile, sumándose logo un contapinta para as e os máis cativos. 

Percusións de man e canto tradicional galego, Gaita, Baile, Percusión tradicional, Contapinta e Cociña son os obradoiros da Aula GaliciaAberta
Percusións de man e canto tradicional galego, Gaita, Baile, Percusión tradicional, Contapinta e Cociña son os obradoiros da Aula GaliciaAberta
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 17 de agosto de 2020.

A Aula GaliciaAberta, que se puxo en marcha o pasado 27 de abril para reforzar a formación de disciplinas tradicionais galegas para a colectividade galega no exterior, concluíu esta pasada semana os diferentes obradoiros sumando preto de 400.000 visualizacións desde o seu inicio. 

Unha cifra que fala do éxito da iniciativa, que contou inicialmente con sesións formativas impartidas polas e polos mestres de canto e pandeireta (Leni Pérez), percusión (Alexandre Fernández Castro), gaita (Jhonathan Ferreira) e baile (José Antonio Viñas), e á que se sumaron posteriormente unha sección infantil de contacontos (a cargo de Enrique Mauricio e Carlos Taboada de Polo Correo do Vento, que sumou máis de 26.000 visualizacións) e un obradoiro de cociña a cargo do chef André Arzúa (este aínda por concluír). 

As clases, gratuítas e de libre acceso para todos os públicos, contaron tamén con titorías e vídeos promocionais do persoal docente, que foron vistos por milleiros de galegos e galegas residentes en todo o mundo. Ás reproducións dos vídeos hai que engadirlle, ademais, as visitas ao apartado da Aula GaliciaAberta, creado na páxina web do departamento autonómico e que rexistrou preto de 65.000 visitas.

A Arxentina, Brasil, O Uruguai,  México, Suíza, Alemaña, Venezuela, Portugal, os Estados Unidos de América, Chile e o Reino Unido foron os países de residencia da meirande parte das espectadoras e espectadores dos seminarios, unicamente superados por España, onde destaca a resposta obtida entre os galegos e galegas de Madrid, Cataluña, o País Vasco, Castela e León e a Comunidade Valenciana, ademais de na propia comunidade autónoma.

Facebook foi a plataforma preferida polos espectadores e espectadoras para asistir ás clases, sumando máis de 350.000 reproducións, seguido do canle de GaliciaAberta en YouTube, onde se colgaban as sesións unha vez rematadas para poñelas a disposición de todas as persoas interesadas na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (emigración.xunta.gal). Tanto as clases como o material didáctico aportado previamente polo persoal docente, que constan de entre dez e catorce sesións formativas, pode consultarse nesta dirección.

Este novo programa da Secretaría Xeral da Emigración permitiu complementar os obradoiros tradicionais, que achegaban aos centros galegos de todo o mundo unha profesora ou un profesor desprazado desde Galicia.
 
A actual situación de pandemia, tanto en España como noutros países, fixo, sen embargo, inviable as actividades lectivas presenciais nos centros galegos de todo o mundo, polo que o departamento autonómico artellou medidas como esta Aula GaliciaAberta que teñen permitido seguir en contacto coa colectividade en todo o mundo transmitindo a cultura galega. 

730 lecturas