Alumnos e alumnas do colexio arxentino Santiago Apóstol achéganse á cultura mariñeira no Museo do Mar de Galicia

Os e as 50 estudantes, de visita en Galicia na súa viaxe de fin de estudos, fixeron un percorrido pola historia da industria pesqueira galega e a riqueza biolóxica dos fondos mariños da Ría de Vigo.

O grupo desprazouse tamén ata a Illa de San Simón para coñecer o patrimonio histórico, cultural, natural e paisaxístico do arquipélago.

Listen to this page using ReadSpeaker

Os alumnos e alumnas do colexio arxentino Santiago Apóstol, que están a visitar Galicia esta semana con motivo da súa viaxe de fin de estudos, coñeceron en Vigo as instalacións do Museo do Mar de Galicia co obxectivo de coñecer en primeira persoa a vinculación histórica das galegas e os galegos co mar. O percorrido pola exposición permanente do museo brindoulles a oportunidade de profundizar no trascendental papel que xoga a industria pesqueira na economía galega, e coñecer polo miúdo a súa historia, os seus procesos extractivos, os seus mercados e as antigas técnicas de salazón.

A través de pantallas interactivas, arquivos, documentais explicativos e multitude de pezas expositivas, este grupo de mozos e mozas achegouse os diferentes métodos de captura usados polas flotas artesáns ou a oficios como o de o carpinteiro de ribeira, e recibiu información sobre a enorme riqueza biolóxica da costa galega. A visita continuou polo Acuario do Museo, que conta con máis de 40 especies -entre peixes e invertebrados- e que amosa a pequena escala o tránsito submarino que vai dende o Museo ata a costa atlántica das Illas Cíes.

O grupo de alumnos e alumnas arxentinos tivo ademais a oportunidade de achegarse ata a Illa de San Simón para descubrir o patrimonio histórico, cultural, natural e paisaxístico do arquipélago da Ría de Vigo.

Identidade galego-arxentina
Esta é a terceira promoción de alumnos e alumnas do colexio Santiago Apóstol que vén a Galicia na súa viaxe de fin de estudos. Inaugurado en 1998, o Colexio Santiago Apóstol é unha obra da Xunta de Galicia e do Centro Galicia de Bos Aires, a través da Fundación Galicia-América, que ten o propósito de desenvolver un proxecto educativo bicultural en todos os niveis do ensino. O primeiro colexio galego-arxentino na Galicia exterior naceu coa finalidade de acrecentar o proceso de conformación e conservación dunha identidade galego-arxentina por medio dunha educación bicultural modélica.

O ideario do centro márcase como obxectivo propagar e soster o ensino en calquera nivel, infundindo na aula o ideal de servizo e solidariedade e o coñecemento dos valores culturais do pobo galego, da súa lingua, das súas tradicións, historia, folclore, arte e demais manifestacións.

1233 lecturas