Alfonso Rueda e Román Rodríguez saúdan en Compostela a 200 participantes nos programas ‘Conecta con Galicia’ e ‘Escolas Abertas’

Do total de 208 mozas e mozos que hoxe departiron cos dous membros do Goberno galego, a gran maioría son galegos e galegas de segundas xeracións residentes en países de Hispanoamérica

O vicepresidente da Xunta destacou que, para Galicia, é unha importante a avantaxe comparativa contar con segundas xeracións de galegos e galegas no Exterior “tan ou máis implicados coa terra como o están os seus pais e avós”

  • O vicepresidente e o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, esta mañá coas e cos galegos do exterior no mosteiro de San Martiño Pinario (Santiago de Compostela)
    O vicepresidente e o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, esta mañá coas e cos galegos do exterior no mosteiro de San Martiño Pinario (Santiago de Compostela)
  • O vicepresidente e o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, esta mañá coas e cos galegos do exterior no mosteiro de San Martiño Pinario (Santiago de Compostela)
    O vicepresidente e o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, esta mañá coas e cos galegos do exterior no mosteiro de San Martiño Pinario (Santiago de Compostela)
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2016.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e mailo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, saudaron esta mañá no mosteiro de San Martiño Pinario, en Compostela, ao grupo de mozas e mozos participantes nos programas ‘Conecta con Galicia’ e ‘Escolas Abertas’.

Nunha alocución informal, Rueda aludiu á “esperanza” que supón para a nosa terra que “non só a mocidade do territorio, senón tamén a do Exterior, senta Galicia e a Galeguidade coa intensidade dos seus pais e avós”. O vicepresidente, tras destacar a avantaxe comparativa que supón para Galicia contar cun 70 por cento de residentes no Exterior nados xa no seu lugar de residencia, departiu directamente coas mozas e mozos participantes nos dous programas.

No caso da primeira iniciativa, a idade tope marcada na convocatoria é de 30 anos, e no caso da segunda, gran parte das e dos beneficiarios roldan esa idade. Trátase daquela de liñas de acción desenvolvidas polo departamento que dirixe Miranda, e apoiadas pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, da Consellería de Política Social, destinadas fundamentalmente á mocidade, e deseñadas para que as segundas xeracións de galegose galegas –algúns xa nados na diáspora- manteñan vivos eses vencellos coa terra dos seus pais e nais e avós e avoas.

‘Conecta con Galicia’
O primeiro dos programas desenvólvese en dúas modalidades. A primeira delas son actividades de aire libre, modalidade da que se beneficiarán 160 mozos e mozas galegos residentes fóra de Galicia, distribuídos en dous grupos de idade, de 14 a 17 anos e de 18 a 20 anos. Compartirán con mozos e mozas residentes en Galicia, en dúas quendas de doce días, do 1 ao 12 de xullo e do 15 ao 26 de xullo, as residencias e albergues xuvenís situados en Galicia e dependentes da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, da Consellería de Política Social. Nestas instalacións  realizarán dúas actividades, de seis días cada unha.

Durante a primeira, denominada “Cultura e Camiño”, os participantes aloxaranse nas residencias xuvenís Lug II de Lugo, e Florentino López Cuevillas de Ourense, onde participarán en actividades dirixidas a coñecer o patrimonio histórico cultural das respectivas zonas, e percorrerán o Camiño de Santiago en varias etapas ata o destino final en Compostela. O segundo grupo de actividades, tamén de seis días de duración, desenvólvese baixo o paraugas do epígrafe “O mar de Galicia” no albergue xuvenil de Gandarío en Bergondo (A Coruña) onde realizarán actividades de náutica de lecer e de coñecemento do medio mariño.

A segunda modalidade son os campos de traballo, da que se benefician 19 mozas e mozos da diáspora, que durante a súa estadía conviven tamén con compañeiros residentes na Comunidade Autónoma. É unha modalidade concibida para participantes con idade comprendidas entre os 20 e 30 anos, na que desenvolven actividades de colaboración desinteresada e voluntaria en traballos diversos na procura dun maior coñecemento da cultura galega, da mellora ambiental da contorna, e da recuperación do patrimonio cultural e arquitectónico.

Na edición deste ano 2016, un total de 79 participantes no programa proceden da Arxentina (71 para actividades ao aire libre, e 8 para campos de traballo), 45 do Uruguai (42 e 3), 22 de Venezuela (20 e 2), 16 de Brasil (13 e 3), 8 de Cuba (6 e 2), 8 para actividades de aire libre do resto de América (4 de Perú, 2 de México, 1 de Estados Unidos e 1 de Chile) e 1 para campos de traballo (procedente doutra Comunidade Autónoma española).

Campaña de Verán
Conecta con Galicia enmárcanse dentro da Campaña de Verán 2016 que organiza a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado cun orzamento de 2,6 millóns de euros. Esta campaña é a máis inclusiva e importante dos últimos anos no que se refire a número de prazas ofertadas, xa que son en total 9.046, un 6% máis que o ano pasado. 

A campaña de verán inclúe albergues, campamentos, campos de traballo e actividades de ocio e tempo libre para a mocidade. Cómpre destacar que outro dos aspectos positivos da campaña está no impulso ao emprego que leva aparellada. Grazas ao desenvolvemento destas actividades, as empresas de ocio e tempo libre de Galicia darán traballo a máis de 900 monitores e directores de campamentos. 

‘Escolas Abertas’

Trátase dun programa que pretende espallar a cultura, modo de vida e actualidade de Galicia por todo o mundo a través da convivencia e estadía de individuos que transmitirán a súa experiencia propia a moitos outros nos seus lugares de orixe ou residencia habitual, mediante o efecto multiplicador dos cursos formativos. Desta maneira, a Galicia actual dáse a coñecer da maneira máis efectiva e afectiva.

As alumnas e os alumnos deste programa son, á súa vez, formadores nos lugares dos que proceden, polo que os seus coñecementos, e tamén a súa experiencia de contacto directo coa realidade actual do país, chega así aos cidadáns e cidadás da Galicia do Exterior. Coa instrución e mellora de habilidades dos participantes e das participantes na iniciativa, acrecéntase o interese e a formación de milleiros de galegas e galegos residentes, e mesmo nados, fóra da Galicia territorial. Ata o momento, téñense formado directamente nas distintas edicións do programa en torno a 800 persoas, pero cada unha delas transmite despois os seus coñecementos e aprendizaxe aos respectivos alumnados nos centros e casas de Galicia onde imparten as clases.

O programa desenvólvese de maneira rotatoria en distintas instalacións de Galicia, sendo a primeira vez que se leva a cabo no I.E.S. Universidade Laboral de Ourense, mercé ao apoio da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que cede as instalacións. Desta maneira, danse a coñecer directa e persoalmente aos formadores e formadoras –moitos deles galegas e galegos de segunda xeración, nados xa no estranxeiro- distintas zonas do territorio galego. Ademais, esta variedade de emprazamentos contribúe a enriquecer a diversidade cultural propia da nosa terra.

Cómpre salientar que esta ‘formación de formadores’ permite que se fortalezan e redobren os vencellos con Galicia das segundas xeracións (cidadáns galegos e cidadás galegas xa nados no Exterior), que arestora conforman xa máis do setenta por cento da diáspora, e que supoñen un activo e unha avantaxe comparativa de primeira orde na expansión internacional de Galicia.

Os cursos que se levan a cabo nesta edición de 2015 consisten en obradoiros de especialización das seguintes modalidades: gaita tradicional galega, baile tradicional galego, percusión tradicional galega, canto popular e pandeireta, e confección de traxe tradicional galego. Cómpre salientar que sempre se trata de obradoiros que teñen unha ampla demanda por parte das entidades galegas no Exterior, criterio básico seguido por Emigración para a convocatoria destes cursos.

2006 lecturas