Milleiros de galegas e galegos da diáspora benefícianse da formación permanente de “Escolas Abertas”, que esta mañá inaugurou Rodríguez Miranda en Ourense

Trátase dun programa polo que formadoras e formadores das distintas comunidades galegas do mundo melloran a súa capacitación, mercé ao cal a cultura galega espállase entre as segundas xeracións da diáspora, que xa conforman máis do 70% das e dos paisanos no Exterior. 

Oitenta cidadás e cidadáns residentes no estranxeiro acceden desde hoxe á formación especializada en diversas áreas, para despois divulgala nas súas áreas de residencia habitual.

Os obradoiros deste ano versan sobre gaita tradicional galega, baile tradicional galego, percusión tradicional galega, canto popular e pandeireta, e confección de traxe tradicional galego.

  • Antonio Rodríguez Miranda, Marisol Díaz Mouteira e Antonio González Amaro inauguraron esta mañá no I.E.S. Universidade Laboral de Ourense as 'Escolas Abertas 2016'
    Antonio Rodríguez Miranda, Marisol Díaz Mouteira e Antonio González Amaro inauguraron esta mañá no I.E.S. Universidade Laboral de Ourense as 'Escolas Abertas 2016'
  • Oitenta galegas e galegos do exterior participan na edición de este ano
    Oitenta galegas e galegos do exterior participan na edición de este ano
  • Oitenta galegas e galegos do exterior participan na edición de este ano
    Oitenta galegas e galegos do exterior participan na edición de este ano
Listen to this page using ReadSpeaker
Ourense / Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2016.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, a delegada da Xunta, Marisol Díaz Mouteira, e o xefe do Servizo de Xuventude e Voluntariado da Xefatura Territorial da Consellería de Política Social, Antonio González Amaro, inauguraron esta mañá no I.E.S. Universidade Laboral de Ourense a edición de 2016 do programa ‘Escolas Abertas’, destinado ás comunidades galegas, e ás persoas galegas e residentes fóra da Galicia territorial.

Trátase dun programa que pretende espallar a cultura, modo de vida e actualidade de Galicia por todo o mundo a través da convivencia e estadía de individuos que transmitirán a súa experiencia propia a moitas e moitos outros nos seus lugares de orixe ou residencia habitual, mediante o efecto multiplicador dos cursos formativos. Desta maneira, a Galicia actual dáse a coñecer da maneira máis efectiva e afectiva.

As e os alumnos deste programa son, á súa vez, formadoras e formadores nos lugares dos que proceden, polo que os seus coñecementos, e tamén a súa experiencia de contacto directo coa realidade actual do país, chega así aos cidadáns e ás cidadás da Galicia do Exterior. Coa instrución e mellora de habilidades das e dos participantes na iniciativa, acrecéntase o interese e a formación de milleiros de galegas e galegos residentes, e mesmo nados, fóra da Galicia territorial.

Así, e segundo o secretario xeral da Emigración Antonio Rodríguez Miranda, “a formación, a través dos participantes en Escolas Abertas, espállase a decenas de milleiros de alumnas e alumnos polos centros e casas de Galicia no mundo”. Ata o momento, téñense formado directamente nas distintas edicións do programa en torno a 800 persoas, pero cada unha delas transmite despois os seus coñecementos e aprendizaxe aos respectivos alumnados nos centros e casas de Galicia onde imparten as clases.

Primeira vez en Ourense
O programa desenvólvese de maneira rotatoria en distintas instalacións de Galicia, sendo a primeira vez que se leva a cabo no I.E.S. Universidade Laboral de Ourense, mercé ao apoio da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que cede as instalacións. Desta maneira, danse a coñecer directa e persoalmente ás e aos formadores –moitos deles galegas e galegos de segunda xeración, nados xa no estranxeiro- distintas zonas do territorio galego. Ademais, esta variedade de emprazamentos contribúe a enriquecer a diversidade cultural propia da nosa terra.

Cómpre salientar que esta ‘formación de formadores’ permite que se fortalezan e redobren os vencellos con Galicia das segundas xeracións (cidadás e cidadáns galegos xa nados no Exterior), que arestora conforman xa máis do setenta por cento da diáspora, e que supoñen un activo e unha vantaxe comparativa de primeira orde na expansión internacional de Galicia.

Os cursos que se levan a cabo nesta edición de 2015 consisten en obradoiros de especialización das seguintes modalidades: gaita tradicional galega, baile tradicional galego, percusión tradicional galega, canto popular e pandeireta, e confección de traxe tradicional galego. Cómpre salientar que sempre se trata de obradoiros que teñen unha ampla demanda por parte das entidades galegas no Exterior, criterio básico seguido por Emigración para a convocatoria destes cursos.

1983 lecturas