Abre o prazo de solicitude de prazas de “Reencontros na Terra” co que a Secretaría Xeral da Emigración achega aos maiores galegos do exterior á súa terra e ás súas familias

O programa permitirá a 135 galegos de máis de 65 anos e residentes en América con poucos recursos económicos pasar ata mes e medio en Galicia

As axudas costearán a viaxe de ida e volta e a estancia nunha residencia de tempo libre durante catorce días, onde poderán participar en diferentes actividades socioculturais

Chegada ao aeroporto dos participantes dunha edición anterior de "Reencontros na Terra"
Chegada ao aeroporto dos participantes dunha edición anterior de "Reencontros na Terra"
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago, 21 de marzo de 2018.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución pola que se convoca a edición deste ano do programa “Reencontros na Terra”, organizado pola Secretaría Xeral da Emigración e desenvolvido coa colaboración da Consellería de Política Social. Nesta edición de 2018, formarán parte do programa un total de 135 persoas, das que 69 prazas estarán reservadas á Arxentina, seguindo criterios de necesidades reais e das demandas constatadas nos diferentes países, 27 a Uruguai, 22 a Venezuela, 9 a Brasil, 5 a Cuba e 3 ao resto de América.

O obxectivo é permitir aos participantes redescobrir, non só as súas raíces, tanto de tipo cultural e social como familiar, senón ademais poñerse en contacto coa realidade do seu país de orixe mediante actividades que posibiliten o coñecemento da Galicia actual, o encontro coas familias, e o intercambio de experiencias co resto das e dos participantes. Aínda que todas as e todos os participantes deben ter 65 ou máis anos de idade, condición sine qua non para beneficiarse do programa, a idade media supera amplamente esta cifra. Segundo as bases hoxe publicadas no DOG, o prazo de presentación de solicitudes remata dentro de dous meses naturais, é dicir, o vindeiro 21 de maio.

Ata 45 días de estancia

O programa desenvólvese ao longo de ata 45 días, con dúas fases diferenciadas. A primeira delas consiste nunha estadía de dúas semanas, nunha das residencias da Consellería de Política Social, en réxime de pensión completa, desenvolvendo actividades recreativas e culturais axeitadas ás persoas participantes, e con excursións, en transporte colectivo, a distintos lugares para un mellor coñecemento da Galicia de hoxe en día. Inclúe unha visita a Santiago de Compostela con percorrido pola cidade monumental, e recepción institucional. Tamén realizarán visitas a outras vilas galegas.

A segunda fase consiste nunha estadía cos seus familiares de Galicia ata un máximo de 45 días. Trátase dun complemento á estadía “oficial” que supón para moitos dos beneficiarios e beneficiarias unha oportunidade única de atopar as súas raíces máis senlleiras e persoais, e redescubrir as ligazóns familiares deixadas atrás, pero non por iso esquecidas.

Residentes en América durante dez anos

Para se beneficiar do programa, o solicitante deberá acreditar ser emigrante galego e ter nacionalidade española; residir en América de xeito continuado, como mínimo, durante os dez últimos anos; ter máis de 65 anos; ser válido por si mesmo; non padecer trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e estar en condicións de realizar unha viaxe de longa duración; non ter participado nos últimos dez anos naturais en programas de viaxes da Secretaría Xeral de Emigración; ter familiares de ata cuarto grao de consanguinidade ou afinidade cos que poidan residir durante a súa estadía en Galicia; así como ter ingresos inferiores a tres veces o importe da pensión asistencial española por ancianidade marcada para o país de residencia (cantidade distinta á correspondente en España). Igualmente, poden beneficiarse os cónxuxes dos emigrantes galegos que cumpran algúns destes requisitos, segundo establece a orde reguladora do programa.

Para informar sobre as cuestións relativas ao programa celébranse reunións informativas previas nos diferentes  países nas que participan os beneficiarios e beneficiarias e nas que intervén persoal das delegacións da Xunta ou, no seu caso, das entidades colaboradoras; os médicos acompañantes no relativo aos temas de coidado da saúde (en Arxentina e Uruguai); e persoal designado pola axencia de viaxes que resulte adxudicataria do concurso público, no tocante aos asuntos de embarque, conexións, pasaxes, etc.

Máis de douscentos maiores visitarán a comunidade

A recente apertura de prazo de solicitudes para participar no programa “Reencontros na Terra”, que ofrece a oportunidade a 80 maiores galegos de achegarse a Galicia, eleva o número total de beneficiarios destes programas a 215 galegos maiores residentes no exterior.

1807 lecturas