O XIV Pleno do Consello de Comunidades Galegas reafirma o compromiso cunha rede de protección social sen fronteiras para os galegos do exterior

O relatorio Social subliña a necesidade de adaptar a atención ás novas vulnerabilidades, combinando as axudas directas e programas de reencontro cunha resposta áxil ante emerxencias.

O XIV Pleno do Consello de Comunidades Galegas reafirma o compromiso cunha rede de protección social sen fronteiras para os galegos do exterior.
O XIV Pleno do Consello de Comunidades Galegas reafirma o compromiso cunha rede de protección social sen fronteiras para os galegos do exterior.
Listen to this page using ReadSpeaker
Río de Xaneiro (Brasil), 17 de novembro de 2026.

A protección e o benestar da cidadanía galega no exterior é unha responsabilidade institucional compartida que require o esforzo conxunto das administracións, as entidades e as organizacións locais. Esta é a principal premisa que se desprende do relatorio Social aprobado na clausura do XIV Pleno do Consello de Comunidades Galegas en Río de Xaneiro, que avoga por soster no tempo o actual modelo de atención solidaria.

Ademais, confirma a vixencia e a permanencia desta rede de protección. O modelo de atención combina de maneira eficaz as axudas individuais ante situacións sobrevidas, o apoio estrutural ás entidades para os seus servizos sociosanitarios e os programas cun forte compoñente humano como Reencontros con Galicia, deseñados para manter a conexión emocional.

Advertiuse tamén sobre a aparición de novas formas de vulnerabilidade e importantes retos pendentes que obrigan a revisar continuamente os instrumentos dispoñibles. O envellecemento da primeira xeración emigrante, a soidade non desexada, as crises económicas severas nalgúns países de acollida, a fenda dixital e a desigualdade na cobertura sanitaria esixen adaptar a capacidade de identificación destes problemas.

Para facer fronte a esta realidade diversa e complexa, a acción social apostará por combinar a continuidade dos programas útiles cunha forte dose de innovación. Sinalouse que é imprescindible mellorar a coordinación, simplificar os trámites, ampliar a atención de proximidade e orientar as políticas cara a un modelo de prevención que favoreza a autonomía persoal e evite a aparición da necesidade. O obxectivo prioritario é garantir unha Galicia universal que proporcione benestar material e seguridade a todos os seus integrantes, sen medirse polas súas fronteiras.

28 lecturas