A Xunta reforza a proxección internacional do Xacobeo 2027 e da cultura galega no Uruguai

A delegada Elvira Domínguez presidiu unha serie de actos en Montevideo co escritor Rodrigo Costoya para a promoción do Ano Santo, que incluíron a presentación do seu último libro, encontros coa colectividade e a representación institucional na Feria Internacional del Libro.

  • A Xunta reforza a proxección internacional do Xacobeo 2027 e da cultura galega no Uruguai.
    A Xunta reforza a proxección internacional do Xacobeo 2027 e da cultura galega no Uruguai.
  • A Xunta reforza a proxección internacional do Xacobeo 2027 e da cultura galega no Uruguai.
    A Xunta reforza a proxección internacional do Xacobeo 2027 e da cultura galega no Uruguai.
  • A Xunta reforza a proxección internacional do Xacobeo 2027 e da cultura galega no Uruguai.
    A Xunta reforza a proxección internacional do Xacobeo 2027 e da cultura galega no Uruguai.
Listen to this page using ReadSpeaker
Montevideo (Uruguai), 19 de outubro de 2026.

A delegada da Xunta de Galicia no Uruguai, Elvira Domínguez, encabezou varios actos promovidos polo Executivo autonómico no país suramericano para poñer en valor o patrimonio galego e dinamizar a proxección internacional cara ao Xacobeo 2027. O programa, no que participou o escritor e divulgador Rodrigo Costoya, estivo presidido pola delegada e incluíu a presentación da novela Portosanto. O enigma de Colón, no Patronato da Cultura Galega; un encontro institucional coa colectividade, no Centro Galego de Montevideo; e a representación da Xunta na Feria Internacional del Libro.

No primeiro acto, que foi no Patronato da Cultura Galega en Montevideo, Elvira Domínguez e Rodrigo Costoya presentaron a novela Portosanto. O enigma de Colón diante duns salóns cheos de público. Serviu para afondar na teoría da orixe galega do navegante e completouse con diversas actuacións de danza, canto e percusión tradicional a cargo dos obradoiros da propia entidade, reafirmando o papel destas institucións como focos vivos da identidade galega.

A continuación, a delegación da Xunta promoveu un encontro no histórico Centro Galego de Montevideo, no que a delegada e o autor compartiron un espazo de diálogo cos socios e coa comunidade galega, e onde o escritor presentou a súa novela Hijos de Gael. Durante esta xornada abordáronse os fitos da historia de Galicia e as súas conexións coa tradición celta e a literatura contemporánea, reforzando a vinculación afectiva e cultural que une ás distintas xeracións da emigración coa Galicia actual.

Por último, o programa culminou coa visita á Feria Internacional del Libro de Montevideo, un dos encontros culturais máis relevantes do país. Baixo o patrocinio da Xunta, Rodrigo Costoya mantivo un coloquio e encontro aberto co público na Sala Dorada para presentar as súas últimas obras e achegar as chaves da historia, a narrativa e o patrimonio galego aos lectores uruguaios. Ademais, o acto contou coa participación dun grupo de folclore galego formado polas entidades alí presentes e pechouno o Grupo de Pandereteiras Quérovos e o Coro de Alma Gallega.

Con esta destacada participación literaria e institucional, a Xunta amosou o valor patrimonial e a proxección internacional de Galicia, convidando á sociedade uruguaia a sumarse ao percorrido cara ao Xacobeo 2027.
 

274 lecturas