A Xunta urxe ao Goberno Central un calendario para a vía específica de homologación de títulos dirixida a bolseiros BEME e coordinación para casos prioritarios
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, acompañado polo secretario xeral da Emigración, reuniuse hoxe en Madrid co secretario xeral de Universidades.
José González insistiu na necesidade dun procedemento áxil de homologación —coordinado entre a Xunta, as universidades e o Ministerio— para os beneficiarios das BEME, que xa se reclamara por carta o pasado outubro en liña co que recomenda a UE.
Sinalando que a homologación de títulos pode tardar ata 5 anos, instou á constitución dunha mesa técnica permanente entre as partes, a criterios públicos e unificados para a aceleración de expedientes e á actualización do sistema cando sexa necesario.
Tamén apelou á creación dunha unidade de coordinación coa Xunta para casos en eidos estratéxicos como o da sanidade, o da educación ou o da tecnoloxía, así como á participación das universidades galegas nun piloto nacional de avaliación áxil.
Galicia aspira a consensuar un modelo español de recoñecemento de cualificacións de boas prácticas, do que se poidan beneficiar non só os bolseiros BEME senón calquera persoa residente na nosa Comunidade que precise homologación para exercer.
Destacando que un 80 % dos titulados BEME queda en Galicia coa vontade de traballar pero non sempre pode, o conselleiro lembrou que o Consello da Xunta aprobou onte mesmo 250 novas bolsas para acadar as 2.000 persoas retornadas con esta medida.
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo hoxe en Madrid un encontro de traballo co secretario xeral de Universidades, Francisco García, no que insistiu na necesidade de establecer unha vía específica e áxil —coordinada entre a Xunta, as universidades públicas e o Ministerio— que permita acelerar o proceso de recoñecemento das titulacións universitarias das persoas beneficiarias das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME) co gallo de garantir o seu acceso a traballos acordes á súa formación. Nesa liña, González urxiu un calendario para a implantación e revisión deste procedemento aliñado coas recomendacións europeas, a creación dunha unidade de coordinación coa Xunta para casos prioritarios ou a participación das universidades galegas nun piloto nacional de avaliación áxil.
No marco do encontro, o conselleiro apuntou que a Xunta ten deseñada unha folla de ruta para sumar talento como complemento á forza laboral interna coa que xa conta Galicia, pero que non pode desenvolvela por completo sen a implicación do Goberno central en cuestións que son da súa competencia. Recordando a carta enviada en outubro —en coordinación coa Consellería de Educación e coas tres universidades públicas galegas— e que onte mesmo se aprobou en Consello a convocatoria de 2026 con 250 novas bolsas BEME por 2,55 M€, González avogou por reducir burocracia, por unificar criterios e por garantir seguridade xurídica, en liña coas recomendacións da UE que instan aos Estados membros a axilizar o recoñecemento de cualificacións profesionais estranxeiras como vía para favorecer a integración laboral, a mobilidade e a competitividade económica.
Sinalando que a homologación chega a demorarse ata cinco anos, o titular de Emprego fixo fincapé en que un 80 % dos bolseiros BEME quedan en Galicia coa vontade de traballar pero non sempre poden facelo polos atrancos burocráticos. A vía áxil non só os beneficiaria a eles, en todo caso, senón que —recalcou— tamén podería empregala calquera persoa residente en Galicia que precise homologación para exercer, tendo en conta a alta demanda de perfís cualificados en sectores clave como o tecnolóxico, o sanitario, o educativo, os servizos sociais ou a investigación.
Proposta de Galicia
Así, na xuntanza de hoxe o conselleiro demandou unha mesa técnica permanente entre Ministerio, comunidades autónomas e universidades, criterios públicos e unificados para a aceleración de expedientes e un seguimento trimestral dos avances acordados. No marco da vía específica para titulados BEME, urxiu un calendario para revisar e actualizar o sistema de homologación, a creación dunha unidade de coordinación coa Xunta para casos prioritarios (eidos da sanidade, a educación ou a tecnoloxía) e a participación das universidades galegas nun piloto nacional de avaliación áxil.
Neste contexto, solicitou a celebración dunha nova xuntanza de traballo entre a Xunta — xunto cos reitores das tres universidades públicas galegas— e a ministra de Ciencia, Innovación e Universidades, co fin de avanzar de forma conxunta no deseño e posta en marcha de solucións eficaces para esta cuestión que considera prioritaria. Todo co obxecto de acadar —dixo— un acordo para presentar á UE un modelo español de recoñecemento de cualificacións de boas prácticas.
O representante autonómico aproveitou a reunión para lembrar outras cuestións pendentes co Goberno central no que respecta á atracción, retención e aproveitamento do talento do exterior: o traspaso das competencias das autorizacións iniciais de traballo no referido ás persoas traballadoras procedentes de terceiros países, a actualización do catálogo de postos de difícil cobertura e o recoñecemento das microcredenciais como ferramenta clave para a inserción sociolaboral das persoas migrantes.
Novas relacionadas




