A Xunta consolida a aposta polo retorno dos emigrantes cunha nova convocatoria de Axudas Extraordinarias para apoiar unhas 1.000 familias
As bases destas achegas, encadradas na Estratexia Galicia Retorna e analizadas hoxe no Consello da Xunta, publicaranse este mércores no Diario Oficial de Galicia e contan cun crédito de inicial de 2,3 M€ con posibilidade de ampliación segundo a demanda.
Estes apoios permiten cubrir necesidades iniciais dos galegos retornados e inclúen unha axuda específica para as familias con fillos menores e unha para apoiar o acceso a unha vivenda, valorando especialmente o establecemento no rural.
Desde 2018, lévanse investido 14 M€ para atender 5.400 familias retornadas —ata 20.000 persoas beneficiadas— procedentes de máis de 60 países, e Venezuela, Cuba e Arxentina son as principais orixes das persoas beneficiarios, das cales un 54 % son mulleres.
No 2024, a Xunta realizou a maior ampliación de fondos desta liña, o que permitiu cubrir a demanda coa a cifra anual máis alta de solicitudes concedidas ao atender 1.159 familias, que se instalaron en preto de 150 concellos galegos diferentes.
Esta medida súmase a outras do Goberno galego centradas en potenciar o retorno para a captación de talento e cubrir as demandas do tecido produtivo como as feiras de emprego que se celebrarán na Arxentina (6 e 7 de marzo) e no Uruguai (10 de marzo).
O Consello da Xunta analizou hoxe un informe da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración sobre as axudas extraordinarias a persoas emigrantes retornadas das que este mércores o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará a convocatoria deste ano, dotada cun crédito inicial de 2,3 M€ —que se poderá reforzar segundo a demanda— e coa que se estima apoiar unhas 1.000 familias.
Estas axudas extraordinarias ao retorno encádranse no paquete de medidas da Estratexia Galicia Retorna e son un recurso fundamental, xa que permiten cubrir necesidades iniciais como o establecemento de persoas e familias emigrantes retornadas que deciden fixar a súa residencia en Galicia, axudando á súa integración na comunidade. Neste sentido, poden beneficiarse delas as persoas galegas retornadas nacidas en Galicia e os seus descendentes e os cónxuxes ou parellas de feito. Para iso, deben ter residido fóra de España un mínimo de dous anos antes do retorno e o retorno debe terse producido desde o 1 de xaneiro de 2023 en diante.
A axuda máxima por unidade familiar é de 6.000 euros, e inclúen, ademais dos apoios de carácter xenérico, un específico para as familias con fillos menores de idade que se establezan en Galicia, cun importe de 1.000 euros por fillo ata o segundo fillo, e de 1.500 euros a partir do terceiro, cun incremento do 25 % no caso de que a familia resida nun concello rural. Tamén se inclúe unha axuda de 500 euros por unidade familiar destinada a facer fronte aos gastos derivados das primeiras xestións necesarias para garantir o acceso a unha vivenda. O prazo de presentación de solicitudes abrirá o 20 de febreiro e as persoas interesadas poderán consultar os detalles da convocatoria na resolución que publicará este mércores o DOG.
Resultados de convocatorias anteriores
Entre o 2018 e o 2024, o apoio concedido superou os 14 M€ e lévanse beneficiado desta axuda máis de 5.400 familias retornadas, o que supón arredor de 20.000 persoas entre solicitantes, membros da súa familia e conviventes. Por procedencia, as familias son orixinarias de máis de 60 países e Venezuela -máis de 2.100 solicitudes concedidas-, Cuba -preto de 980- e Arxentina –máis de 940- son os países predominantes. En relación coas características dos solicitantes, un 54 % das persoas beneficiarias son mulleres e nas últimas convocatorias detéctase unha tendencia á alza de persoas retornadas máis novas.
No referido ao 2024, resultaron beneficiarias 1.159 familias por un importe total de 3,5 M€, sendo o ano no que se rexistraron máis solicitudes concedidas. Estas persoas procedían de 38 países, entre os que destacan Cuba -máis de 480 beneficiarios-, Arxentina -preto de 240 - e Venezuela -máis de 180 -, e case o 63% son mulleres. Aínda que as provincias da Coruña, con máis de 550 solicitudes concedidas e a de Pontevedra - máis de 240-, son as predominantes na elección do destino para o retorno, destacan en proporción os casos das cidades de Ourense -111 beneficiarios- e Lugo -101-, dentro dunha distribución que favorece a boa parte do territorio -só na última edición, os retornados con estes apoios instaláronse en preto de 150 concellos galegos diferentes-.
Dentro do compromiso coas persoas galegas do exterior, a Xunta realizou na convocatoria do ano pasado a maior ampliación de fondos desde a posta en marcha desta liña de axudas, xa que se publicou cun crédito inicial de 2 M€ que se incrementou en decembro nun 67 % ata acadar o total de 3,5 M€. Deste xeito, cubriuse a elevada demanda que permitiu que máis galegos do exterior se poidan establecer en Galicia con apoio económico.
Apoio integral ao retorno
Galicia é unha rexión pioneira a prol das políticas de retorno impulsando medidas tanto no eido da conta propia como allea e dentro e fóra da comunidade para facer fronte ao reto demográfico e responder a desafíos estruturais do mercado laboral como a
atracción de talento e a cobertura de vacantes. Este desafío exixe estimular a forza laboral interna e, en paralelo, favorecer a atracción de traballadores do exterior dun xeito ordenado, vencellado a empregos de calidade e da man das empresa.
Neste eido, a Xunta prioriza o retorno dos emigrantes galegos e conta cunha batería integral de medidas dentro da Estratexia Galicia Retorna dotada de 450 M€ ata 2026, a través de ferramentas como o Retorna Cualifica Emprego, coa segunda edición en marcha (2,3 M€) e o obxectivo de beneficiar uns 200 residentes no exterior menores de 55 anos. Nesta liña, e ao abeiro do Plan de captación de talento implementado este ano pola Administración autonómica, celebraranse feiras de emprego o 6 e 7 de marzo en Arxentina e o 10 de marzo no Uruguai. Outras iniciativas neste mesmo ámbito son as Bolsas BEME —coa convocatoria aberta— que permiten á mocidade do exterior completar a súa formación académica en Galicia. Así mesmo, ofrécense axudas ao autoemprego como unha vía de apoio ao retorno das persoas galegas residentes no exterior, dotadas este ano con 1 M€ e que se poden solicitar ata o 30 de setembro.
Novas relacionadas




