A Xunta reforza a atracción de talento emprendedor dos retornados cunha nova edición de axudas dotada con máis de 1 M€ para apoiar 150 proxectos
A convocatoria de 2026 destas achegas, integrada na Estratexia Galicia Retorna e tamén na Estratexia de emprendemento ligado ao territorio sairá publicada este mércores no DOG e abrirá o prazo de solicitudes o vindeiro 9 de febreiro.
As achegas van desde os 6.000 euros e poden chegar ata os 10.000 euros cando a persoa solicitante é muller e o seu centro de traballo está situado nun municipio rural.
Desde a súa posta en marcha apoiáronse nuns 200 concellos galegos máis de 1.000 proxectos de persoas cunha media de idade de 41 anos e procedentes de máis de 40 países, destacando, entre outros, Suíza, Reino Unido, Alemaña, Arxentina e Cuba.
Súmanse a outras axudas como as extraordinarias ao retorno, o Retorna Cualifica Emprego ou as BEME, así como aos apoios ao emprendemento e aos autónomos, estes últimos tamén analizados hoxe no Consello e que se publicarán o mércores.
A atracción de talento retornado para emprender é un dos eixos da Estratexia de emprendemento ligada ao territorio, eido no que destaca a Rede de polos na que se levan atendido preto de 300 iniciativas de persoas retornadas.
O Consello da Xunta analizou hoxe a convocatoria de axudas de 2026 para promover o autoemprego e a actividade emprendedora das persoas emigrantes galegas retornadas, que sairá publicada este mércores no Diario Oficial de Galicia. A ela o Goberno galego destina un crédito inicial de máis dun millón de euros, que permitirá apoiar a posta en marcha duns 150 proxectos con achegas de entre 6.000 e 10.000 euros. Esta medida permite promover o autoemprego como unha vía viable de retorno aos galegos e galegas do exterior e encádrase na Estratexia Galicia Retorna e tamén na Estratexia de emprendemento ligado ao territorio, actualmente en período de consultas con todo o sector e dirixida a fixar actividade económica no rural.
De feito, desde a súa posta en marcha no ano 2013, estas achegas permitiron apoiar en arredor de 200 concellos galegos máis de 1.000 proxectos de persoas cunha media de idade de 41 anos e procedentes de máis de 40 países, destacando entre eles Suíza, Reino Unido, Alemaña, Francia, Arxentina, Cuba, Venezuela, Uruguai e o Brasil.
Deste xeito —na mesma liña que as achegas a novas iniciativas emprendedoras xa aberta e tamén integrada na Estratexia de emprendemento— estes apoios a persoas retornadas poñen o foco no rural, pois o importe mínimo da achega de 6.000 € amplíase en 3.000 € cando o centro de traballo está situado nun concello rural. Ademais, no caso de que a persoa solicitante sexa muller, a contía sobe en 1.000 €.
En concreto, estas axudas destínanse ás persoas galegas que regresan á súa terra de orixe, xa fosen nadas na Galicia territorial ou nos seus países de destino, e teñen como fin poder sufragar gastos orixinados pola posta en funcionamento dun negocio. Poderán solicitarse desde o vindeiro 9 de febreiro ata o 30 de setembro de 2026.
Outros apoios ao retorno
A estas achegas súmanse outras tamén integradas na Estratexia Galicia Retorna, como as extraordinarias ao retorno para apoiar ás galegas e galegos retornados nos gastos iniciais derivados do seu regreso a Galicia, das que a convocatoria de 2026 abrirá mañá ata o 30 de setembro de 2026 e conta cunha dotación de 2,5 M€. Outros incentivos dirixidos a este colectivo son os programas de apoio ao emprego por conta allea —como o Retorna Cualifica Emprego— ou as bolsas BEME para a atracción de talento cualificado, actualmente abertas, así como o acompañamento permanente que prestan ao longo de todo o proceso as Oficinas de Retorno.
Esta batería de medidas exemplifica o modelo de captación de talento ordenado, planificado e integral impulsado pola Xunta e contribúe a potenciar Galicia como terra de oportunidades tal e como reflicten os últimos datos recollidos na Estatística de Migracións e Cambios de Residencia de 2024 do Instituto Nacional de Estatística (INE). Nela vese a consolidación das cifras históricas de retorno, con preto de 8.500 persoas procedentes do exterior que regresaron a Galicia —o 85 % menores de 65 anos e o 57 % menores de 45—, así como un saldo migratorio positivo histórico de 30.325 persoas.
Apoio ao emprendemento e ao colectivo de autónomos
Ademais, este programa a prol da atracción do talento emprendedor das persoas retornadas complementa outras medidas englobadas na Estratexia de emprendemento ligado ao territorio. Neste ámbito é clave o labor da Rede de polos de emprendemento, que conta con 15 localizacións activas en toda Galicia nas que se levan atendido máis de 5.500 proxectos, dos que preto de 300 pertencen a persoas retornadas. A estes apoios engádense os específicos ás persoas autónomas —clave no ecosistema emprendedor— analizados hoxe mesmo no Consello da Xunta e que tamén se publicarán no DOG este mesmo mércores.
Novas relacionadas




