A Xunta investirá máis de 6 M€ en apoiar os gastos iniciais do retorno dun milleiro de familias galegas e reforzar a atención social doutras 6.000 no exterior
O Consello da Xunta analizou hoxe a vindeira convocatoria das axudas extraordinarias ao retorno, dotada con 2,5 M€, e a liña destinada a cubrir necesidades básicas e reforzar a atención sociosanitaria dos galegos do exterior, con preto de 3,6 M€.
No relativo ás persoas que regresan, os apoios poden chegar aos 6.000 euros e contribúen a cubrir os gastos iniciais de establecemento, valorando especialmente o asentamento no rural, e inclúen un incentivo para familias con fillos menores.
Arredor de 7.000 familias lévanse beneficiado desde 2018 destas achegas que a Xunta incrementa cada ano ante o elevado volume de solicitudes, en liña coas cifras historias de retorno que reflexa o INE, con preto de 8.500 persoas retornadas en 2024.
Son un dos instrumentos integrados na Estratexia Galicia Retorna, que exemplifica o modelo integral da Xunta de apoio ao retorno, con outras medidas como o Retorna Cualifica Emprego, o programa Retorno Emprendedor ou as bolsas BEME.
En paralelo, a Xunta reforza o compromiso coa protección social da colectividade do exterior en situación de vulnerabilidade, con axudas das que se levan beneficiado 43.000 familias en países como Arxentina, Brasil, Cuba, Uruguai e Venezuela.
O Consello da Xunta analizou hoxe as vindeiras convocatorias da Secretaría Xeral da Emigración, cun orzamento global superior aos 6 M€. Estes recursos permitirán, por unha banda, apoiar as galegas e galegos retornados para afrontar os gastos iniciais derivados do seu regreso a Galicia e, pola outra, contribuír á cobertura de necesidades básicas e á atención sociosanitaria de persoas galegas residentes no exterior que se atopen en situación de vulnerabilidade. Ambas as dúas liñas de actuación se inscriben no compromiso firme da Xunta de Galicia coa atención á cidadanía galega, con independencia do lugar en que resida, reforzando as políticas públicas tanto de retorno como de protección social da emigración.
No que atinxe ás persoas retornadas, esta semana publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria das axudas extraordinarias ao retorno, dotada cun crédito inicial de 2,5 M€, coa previsión de beneficiar máis dun milleiro de familias con contías de ata 6.000 euros. O orzamento desta orde incrementouse de maneira progresiva nos últimos anos —nesta ocasión cun aumento de 200.000 euros— como resposta ao elevado volume de solicitudes, o que confirma que Galicia se consolida como terra de oportunidades e atracción de talento, clave para a fixación de poboación, especialmente no rural, e para a cobertura de vacantes laborais.
Esta tendencia vese reflectida tamén nos últimos datos da Estatística de migracións e cambios de residencia de 2024 do Instituto Nacional de Estatística (INE), que evidencian a consolidación das cifras históricas de retorno, con preto de 8.500 persoas procedentes do exterior que regresaron a Galicia —o 85 % menores de 65 anos e o 57 % menores de 45—, así como un saldo migratorio histórico de 30.325 persoas.
As axudas ao retorno analizadas hoxe, das cales xa se beneficiaron unhas 7.000 familias desde 2018, intégranse na Estratexia Galicia Retorna 2023-2026, que exemplifica o modelo de captación de talento ordenado, planificado e integral impulsado pola Xunta. Estas medidas veñen complementar outros incentivos dirixidos a este colectivo, como os programas de apoio ao emprego por conta allea —como o Retorna Cualifica Emprego, que contará en 2026 cun orzamento de 1,8 M€—, a liña de emprendemento para aqueles que optan polo autoemprego —que contarán con 1,2 M€—, as bolsas BEME para a atracción de talento cualificado, actualmente abertas, así como o acompañamento permanente que prestan ao longo de todo o proceso as Oficinas de Retorno.
Detalles da convocatoria
Poderán solicitar as axudas extraordinarias ao retorno as persoas galegas nacidas en Galicia e os seus descendentes, así como os seus cónxuxes ou parellas de feito, sempre que acrediten unha residencia fóra de España de, cando menos, dous anos e que o retorno se producise a partir do 1 de xaneiro de 2024. A contía máxima por unidade familiar ascende a 6.000 euros. Ademais do apoio de carácter xeral, inclúese un complemento específico para aquelas con fillos menores de idade, cun importe de 1.000 euros por fillo ata o segundo e de 1.500 euros a partir do terceiro, cun incremento adicional do 25 % no caso de que a familia fixe a súa residencia nun concello rural. Así mesmo, prevese unha achega de 500 euros destinada a sufragar os gastos derivados das primeiras xestións necesarias para garantir o acceso a unha vivenda. O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 30 de setembro.
Axudas para emigrantes galegos no exterior
O Consello da Xunta analizou tamén o programa de axudas económicas individuais de carácter social para o ano 2026 que se publicará nos vindeiros días, dotado con preto de 3,6 M€ e dirixido a emigrantes galegos e galegas e os seus fillos residentes no estranxeiro que se atopen en situación de precariedade económica, co obxectivo de garantir a cobertura das necesidades básicas de subsistencia e a atención sociosanitaria duns 6.000 fogares. Desde 2020, máis de 43.000 familias residentes en países como Arxentina, Brasil, Cuba, Uruguai ou Venezuela beneficiáronse desta iniciativa, reforzando así a protección social da colectividade galega no exterior.
Novas relacionadas




