A Xunta destinará máis de 2,5M€ a apoiar os gastos iniciais das familias retornadas
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de 2026 destas achegas dotada cun crédito inicial de 2,5 M€ —que se poderá reforzar segundo a demanda— e coa que se estima apoiar unhas 1.000 familias.
Permiten cubrir necesidades iniciais dos galegos retornados incluíndo, axuda específica para as familias con fillos menores e para apoiar o acceso a unha vivenda, valorando especialmente o establecemento no rural.
Desde 2018, lévanse investido 16 M€ para atender a 6.500 familias procedentes de máis de 60 países, sendo Venezuela, Cuba e Arxentina as principais orixes dos beneficiarios en América, e Reino Unido, Suíza o Alemaña en Europa.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria 2026 das axudas extraordinarias a persoas emigrantes retornadas, dotada cun crédito inicial de 2,5 M€ —que se poderá reforzar segundo a demanda— e coa que se estima apoiar a máis de 1.000 familias. As persoas interesadas poderán solicitalas a partir do 3 de febreiro e o prazo de presentación de solicitudes prolongarase ata o 30 de setembro de 2026.
Estas axudas extraordinarias ao retorno encádranse no paquete de medidas da Estratexia Galicia Retorna e son un recurso fundamental, xa que permiten cubrir necesidades iniciais como o establecemento de persoas e familias emigrantes retornadas que deciden fixar a súa residencia en Galicia, axudando á súa integración na comunidade. Neste sentido, poden beneficiarse delas as persoas retornadas galegas nacidas en Galicia e os seus descendentes e os cónxuxes ou parellas de feito. Para iso, deben ter residido fóra de España un mínimo de dous anos antes do retorno e o retorno debe terse producido desde o 1 de xaneiro de 2024 en diante.
A axuda máxima por unidade familiar é de 6.000 euros, incluíndo, ademais dos apoios de carácter xenérico, un específico para as familias con fillos menores de idade que se establezan en Galicia, cun importe de 1.000 euros por fillo ata o segundo fillo, e de 1.500 euros a partir do terceiro, cun incremento do 25 % no caso de que a familia resida nun concello rural. Tamén se inclúe unha axuda de 500 euros por unidade familiar destinada a facer fronte aos gastos derivados das primeiras xestións necesarias para garantir o acceso a unha vivenda.
Resultados de convocatorias anteriores
Entre o 2018 e o 2025, o apoio concedido superou os 16 M€ e lévanse beneficiado desta axuda máis de 6.500 familias retornadas. Por procedencia, as familias son orixinarias de máis de 60 países sendo Venezuela, Cuba e Arxentina os países predominantes. En relación coas características dos solicitantes, un 54% das persoas beneficiarias son mulleres e nas últimas convocatorias detéctase unha tendencia á alza de persoas retornadas máis novas.
Novas relacionadas




