A colectividade galega en Uruguai promove o Camiño de Santiago a través dunha andaina simbólica en Montevideo

A colectividade galega en Uruguai promove o Camiño de Santiago a través dunha andaina simbólica en Montevideo
A colectividade galega en Uruguai promove o Camiño de Santiago a través dunha andaina simbólica en Montevideo
Listen to this page using ReadSpeaker
Montevideo (Uruguai), 26 de xaneiro de 2025.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, acompañado pola delegada da Xunta de Galicia en Uruguai, Elvira Domínguez, e membros da Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago uniuse a un grupo de participantes de edicións anteriores do programa “Conecta con Galicia”, beneficiarios de “Reencontros” do pasado ano e mozos galegos nunha andaina simbólica por un tramo utilizado para a preparación do Camiño de Santiago en Montevideo. Con esta actividade preténdese subliñar a relevancia do Camiño e dos valores que representa, así como reforzar a conexión entre a colectividade galega no exterior e a tradición peregrina.

O secretario xeral quixo destacar a forza e a ilusión coas que estes grupos viven a súa galeguidade, subliñando que esta andaina serve non só como evento deportivo, senón tamén como espazo de convivencia e intercambio cultural. Para moitas destas persoas, o Camiño de Santiago representa un lazo espiritual e emocional co seu país de orixe.

Trala andaina, o secretario xeral agradeceu a participación de todos, resaltando a unidade e a vontade de manter activa a cultura galega máis alá de Galicia. Ademais, convidou aos presentes a seguir colaborando nas futuras actividades institucionais que a Secretaría Xeral da Emigración ten previsto impulsar para achegar aínda máis Galicia ás súas comunidades no exterior.

518 lecturas