Galicia Aberta recibe o recoñecemento da Orden da Vieira á Galeguidade no Mundo 2024 na categoría de medio de comunicación social
O Secretario Xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda recibiu de man dos responsables da Orden da Vieira o recoñecemento á Galeguidade no Mundo 2024 na categoría de medio de comunicación social que nesta edición foi para a web da Secretaría Xeral da Emigración “GaliciaAberta”, recoñecendo o seu papel fundamental como ponte entre Galicia e os galegos do exterior. O galardón foi entregado polos representantes da Orden da Vieira, Carlos de Blas e José Cerdeira, e recibido polo Secretario Xeral da Emigración e os responsables da web, destacando a súa contribución como o mellor enlace permanente para a gran familia da galeguidade en todo o mundo. “Quero agradecer a todo o equipo da Secretaría o traballo feito xa que son eles os que fan posible isto”, asegurou Miranda.
O premio, outorgado durante o 56º Capítulo da Orden da Vieira en Madrid, é un reflexo do éxito dos programas da Secretaría, que demostran a capacidade da web para superar as barreiras tecnolóxicas e manter a Galicia sempre presente, tanto física como virtualmente. GaliciaAberta volveu incrementar o seu número de usuarias e usuarios durante o último ano, ata superar os 532.000, superando as 1.532.000 páxinas vistas. GaliciaAberta conta con máis de 27.000 seguidores en Instagram e máis de 35.000 en Facebook, o que lle permite chegar a miles de usuarios cada día. Este impacto nas redes sociais reflicte a súa capacidade para conectar cos galegos do exterior e manter viva a cultura e as tradicións de Galicia en todo o mundo.
Novas relacionadas




