Miranda destaca a universalidade de Galicia representada nos galardoados co trofeo “Galeguidade no Mundo” da Enxebre Orde da Vieira

O secretario xeral da Emigración fixo entrega deste galardón ao programa Luar, ao Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia e a Asociación de Antigos Tunos Composteláns e Amigos da Casa da Troya. 

A entidade, que conta con máis de 1.100 cabaleiros e donas españois repartidos en máis de 30 países do mundo, celebrou o seu Capítulo Xubilar na capela real do Hostal dos Reis Católicos en Santiago de Compostela.

Entrega dos trofeos “Galeguidade no Mundo” da Enxebre Orde da Vieira durante o Capítulo Xubilar celebrado en Santiago de Compostela
Entrega dos trofeos “Galeguidade no Mundo” da Enxebre Orde da Vieira durante o Capítulo Xubilar celebrado en Santiago de Compostela
Capítulo Xubilar 2021-2022 da Enxebre Orde da Vieira
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 20 de agosto de 2022.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, fixo entrega dos trofeos “Galeguidade no Mundo” da Enxebre Orde da Vieira durante o Capítulo Xubilar celebrado no Hostal dos Reis Católicos en Santiago de Compostela, destacando o labor dos galardoados en prol da difusión e proxección da música, a cultura, o audiovisual, a tecnoloxía e a industria galega 4.0 no exterior .

“Deste xeito”, explicou Miranda, “a Orde da Vieira premia a universalidade de Galicia, non só a nivel cultural, senón tamén a súa capacidade intersectorial, destacando o labor de innovación e proxección tecnolóxica”.

Este premio, que constitúe a máxima distinción da Orde, premiou como medio de comunicación social 2021 o programa Luar, un dos máis lonxevos da historia da televisión española; como persoa xurídica 2021 á entidade cultural Asociación de Antigos Tunos Composteláns e Amigos da Casa da Troya; e como persoa xurídica 2022 ao Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia, recoñecido como Centro Tecnolóxico polo Ministerio de Economía e Competividade e que conta con alianzas estratéxicas con outros centros tecnolóxicos.

No acto tamén se nomeou a novos confrades da Orde, entre eles o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, e o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices. Na actualidade conta con máis de 1.100 cabaleiros e donas españois na Orde e con máis de 180  repartidas e repartidos en máis de 30 países dos distintos continentes. 

471 lecturas