Emigración inaugura no Brasil o novo Ciclo Mestre Mateo que achega o cine feito en Galicia aos centros galegos do exterior da man da Academia Galega do Audiovisual
Por primeira vez, o Ciclo de cine Mestre Mateo inclúe a entidades de carácter social, permitindo que as persoas destas institucións poidan acceder ao cine galego.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, inaugurou o Ciclo de cine Mestre Mateo deste ano coa proxección da película Matria na Associação Recreio dos Anciãos. Esta proxección coincide cunha visita institucional, marcando o inicio dunha nova edición deste ciclo tan esperado.
Esta iniciativa, que xurdiu dun acordo en 2022 entre a Secretaría Xeral da Emigración e a Academia Galega do Audiovisual, ten como obxectivo achegar o cine galego aos galegos e galegas do exterior a través da colaboración con centros de América, Europa e o resto de España. O Ciclo Mestre Mateo deste ano contará coa participación de dez entidades, incluíndo o Brasil: Associação Recreio dos Anciãos para Asilo da Velhice Desamparada, de Río de Xaneiro, a Sociedade Beneficente Rosalía de Castro de São Paulo, o Centro Espanhol e Repatriação de Santos, o Hogar Español de Montevideo, o Patronato da Cultura Galega de Montevideo, o Centro Gallego de Avellaneda, o Centro Gallego de La Plata, o Lar Gallego de Pamplona, a Casa de Galicia en Gipuzkoa e o Centro Español de Ingolstadt.
Antonio Rodríguez Miranda agradeceu especialmente a colaboración da Associação Recreio dos Anciãos por sumarse a este ciclo, destacando a importancia de “achegar a nosa cultura, neste caso, o noso cine, aos galegos residentes en Brasil e tamén aos veciños en xeral deste país”.
A programación do Ciclo Mestre Mateo deste ano inclúe, ademais de Matria, outros títulos destacados como Fatum, Salta e O corpo aberto. Completan o ciclo os documentais A viaxe de Lucy, Chichi e máis eu e Os espazos en branco e A nave das Marías.
Novas relacionadas






