Miranda amosa o seu apoio á nova directiva da Casa de Galicia de Uruguai no seu propósito de dar un pulo á entidade
O secretario xeral da Emigración recibiu o recén electo presidente, Alberto Iglesias, e agradeceu ao saínte, Manuel Ramos, a súa dedicación á colectividade galega durante os últimos preto de 15 anos.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, expresou o seu total apoio á nova directiva da Casa de Galicia de Uruguai nesta etapa que vén de comezar. O obxectivo do equipo directivo encabezado por Alberto Iglesias, a quen o responsable autonómico recibiu na sede do departamento galego en Santiago de Compostela, é dar un novo pulo á entidade e convertela nun elemento aglutinador do conxunto da comunidade galega en Montevideo a través dun completo programa de actividades deseñado ao longo do ano para manter viva a galeguidade na capital uruguaia.
A desta semana é a primeira visita que o presidente recén electo realiza á Secretaría Xeral da Emigración tras tomar o relevo da entidade de mans do seu anterior máximo representante, Manuel Ramos, quen “foi quen de sortear durante os últimos preto de quince anos momentos de enorme complexidade para a Casa de Galicia e de convertela no que é hoxe: un referente sociosanitario para a colectividade galega no Uruguai”, sinalou Miranda. O responsable de Emigración quixo, así, enviar un “sincero e agarimoso agradecemento a Ramos, quen cargou sobre as súas costas, acompañado en todo momento pola súa directiva, o peso dunha entidade cuxo fin é procurar a mellor atención posible aos galegos do país andino”.
Máis de 40.000 galegas e galegos
O secretario xeral da Emigración trasladou o seu compromiso coa Casa de Galicia e a súa disposición a “continuar colaborando man a man” coas e cos seus responsables, cuxa renovación traerá consigo novos proxectos e novas ideas que o axuden a seguir medrando, tanto a nivel social, no que o Goberno galego mantén un convenio para a atención de persoas no ámbito sanitario, como noutros eidos, como o académico, no que a entidade mantén varios convenios con diversas institucións do país.
Uruguai segue a ser un dos países de América que acubilla máis cidadás e cidadáns galegos, malia o seu tamaño. Trátase, de feito, do cuarto país con maior volume de galegas e galegos residentes no exterior do mundo. Un total de 41.114 cidadás e cidadáns galegos viven en territorio uruguaio, segundo os datos do INE a data 1 de xaneiro de 2018, o que o converte nun dos principais destinatarios dos programas da Secretaría Xeral da Emigración.
Novas relacionadas




