A Xunta pon en valor a cultura popular galega a través dun campo de traballo destinado á xuventude galega e á mocidade da Galicia exterior

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, o secretario xeral de Emigración e o alcalde da vila lucense visitaron en Portomarín aos voluntarios e voluntarias que toman parte nesta acción. 

Cecilia Vázquez, que amosou a súa satisfacción polo éxito da campaña de verán na que se enmarca esta actividade, asegurou que a programación estival “chegou a máis mozos e mozas e transcorreu sen incidencias”. 

Antonio Rodríguez Miranda destacou a importancia da convivencia entre a mocidade galega do Exterior e a residente no territorio. 

  • A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, o secretario xeral de Emigración e o alcalde da vila lucense visitaron en Portomarín ás e aos participantes nesta acción
    A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, o secretario xeral de Emigración e o alcalde da vila lucense visitaron en Portomarín ás e aos participantes nesta acción
  • A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, o secretario xeral de Emigración e o alcalde da vila lucense visitaron en Portomarín ás e aos participantes nesta acción
    A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, o secretario xeral de Emigración e o alcalde da vila lucense visitaron en Portomarín ás e aos participantes nesta acción
Listen to this page using ReadSpeaker
Portomarín (Lugo), 29 de agosto de 2017.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, xunto co secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e e o alcalde da vila lucense, Juan Serrano, visitaron esta mañá o campo de traballo “A esencia galega”, emprazado na localidade lucense de Portomarín e co que a Xunta de Galicia quere pór en valor a cultura popular galega. A actividade está incluída na campaña “O teu verán colle nunha mochila” e nela están a participar 30 mozos e mozas galegos e da Galicia exterior, con idades comprendidas  entre os 18 e 30 anos.

Neste contexto, Cecilia Vázquez sinalou a importancia que ten recordar e por en valor a nosa historia ao tempo que lembraba que con esta actividade, as e os participantes recuperaron tradicións e acontecementos da vida no rural galego dos nosos antepasados e antepasadas para, posteriormente, teatralizalas e gravalas, e así máis adiante difundir este material audiovisual nos centros galegos no exterior e nas residencias de maiores da nosa contorna. 

A directora xeral de Xuventude aproveitou a súa estadía en Portomarín para lembrar o  remate da campaña de verán. “Unha campaña – sinalaba – na que chegamos a máis xente, 526 mozos e mozas máis que o ano anterior; máis inclusiva  e participativa e que hoxe remata sen incidencias salientables”.  E, ao fío, lembraba que o investimento destinado polo Goberno galego a esta actividade ascendeu a 2,9 millóns de euros.

Pola súa banda, Antonio Rodríguez Miranda salientou o feito de que a convivencia entre a mocidade galega residente no estranxeiro e no propio territorio “constrúe novas pontes persoais de comunicación, que se engaden as ligazóns familiares e culturais que as e os rapaces da diáspora teñen con Galicia, e que fan que, malia a distancia, se sintan tan galegos coma calquera de nós”, asegurou Miranda.

‘O teu verán colle nunha mochila’
A Campaña de Verán 2017 estruturouse en seis eixos: os campamentos para menores de 18 anos, campamentos noutras Comunidades Autónomas, as actividades para maiores de 18 anos, a oferta concertada, os campos de traballo e a programación para mozos e mozas descendentes de cidadás e cidadáns galegos residentes no exterior. O maior investimento económico na iniciativa permitiu incrementar o número de prazas, abarcando deste xeito a máis interesados e interesadas.

Así, os campamentos organizados nas instalacións xuvenís galegas para mozos e mozas entre 9 e 17 anos ofertaron 6.400 prazas, aumentando un 3% con respecto á convocatoria do verán pasado e un 20% en relación a do ano 2015. A natureza, o deporte e o voluntariado foron as principais actividades realizadas nestes campamentos. 

En canto a campamentos noutras comunidades autónomas, a Xunta puxo a disposición das e dos interesados 298 prazas, 90 máis que en 2016, o que supuxo un incremento do 40%. Ademais a oferta deste verán incluíu a País Vasco, Castela e León, Estremadura, A Rioxa, Madrid e, como novidade, Cantabria.

Os campos de traballo estiveron encamiñados a favorecer e fomentar a convivencia, a participación, a tolerancia e a solidariedade entre a mocidade e oa súa contorna a través de actividades levadas a cabo en todas as rexións de España e noutros países como Francia, Alemaña, Grecia, Italia, Corea do Sur ou Xapón. Nestes campos ofrecéuselles aos mozos e mozas unha alternativa de lecer e tempo libre baseada no intercambio de coñecementos e culturas, na práctica de deportes e na visita a lugares de interese turístico, histórico ou cultural. A oferta de prazas dos 28 campos de traballo situados en Galicia medrou un 25% nas últimas dúas convocatorias, ata acadar un total de 598. A estas prazas hai que sumar as 298 que se ofertaron en campos no estranxeiro e noutras comunidades autónomas.

Así mesmo, a Xunta mantivo o número de prazas reservadas para descendentes de galegas e galegos residentes no exterior, cun total de 230 ao abeiro do programa ‘Conecta con Galicia’ que organizou a Secretaría Xeral de Emigración e que tivo como principais actividades ‘Cultura e Camiño’ e ‘O mar de Galicia’. 

A programación dirixida a mozos e mozas con idades comprendidas entre 18 e 30 anos mantívose intacta neste 2017 ao continuar ofertando as 240 prazas que xa se puxeron a disposición na convocatoria de 2016.

E, por último, a oferta en prazas concertadas aumentou de maneira considerable, 295 máis que na anterior campaña de verán  ata alcanzar un total de 1.195, o que supuxo unha subida do 33%. 

1878 lecturas