Aterran en Galicia os rapaces da segunda quenda do ‘Conecta con Galicia 2017’
Os 177 mozas e mozos que participan na edición deste ano convértense en caixa de resonancia para a promoción de Galicia nos lugares onde residen
Esta mañá comezaron a aterrar nos aeroportos galegos os rapaces e rapazas que participan na segunda quenda do programa ‘Conecta con Galicia’, que promove a Secretaría Xeral da Emigración en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, da Consellería de Política Social.
A iniciativa pretende que a mocidade da diáspora, na súa maioría fillos e netos de galegas e galegos emigrados, teña oportunidade de coñecer de primeira man a realidade galega, e atoparse cos seus familiares da outra beira do Atlántico no marco da Campaña de Verán da citada Consellería. O programa ten como obxectivo fortalecer esas ligazóns que relacionan a estes mozas e mozos coa terra dos seus familiares e que, en moitas ocasións, senten como propia ao mesmo ou superior nivel dos países onde naceran. Para moitos deles e delas, supón a primeira posibilidade de coñecer fisicamente a terra dos seus devanceiros, e as xeracións da familia que quedaron na Galicia territorial.
Así, o programa permite este ano que 177 descendentes de cidadáns galegos podan coñecer a realidade da mocidade galega a través da convivencia e das experiencias que lles acheguen as actividades previstas, e sobre todo da convivencia persoal e humana cos seus coetáneos desta parte do océano, pois a estadía realízase conxuntamente cun colectivo de rapaces e rapazas residentes na Galicia territorial. Trátase da segunda quenda deste programa: os participantes na primeira chegaron o pasado 1 de xullo.
Novas relacionadas





