Chegan a Santiago 41 das e dos 162 novos divulgadores de Galicia, a mocidade da diáspora que este verán fortalece as ligazóns coa terra a través do programa ‘Conecta con Galicia’

Reforzando os vínculos -mediante experiencia persoal- coa orixe dos seus proxenitores e proxenitoras e coñecendo a realidade e actualidade galegas, convértense en caixa de resonancia para a promoción de Galicia nos lugares onde residen.

  • Imaxe da chegada das e dos primeiros participantes chegados ao aeroporto de Santiago de Compostela, procedentes de Arxentina, Brasil, México e España
    Imaxe da chegada das e dos primeiros participantes chegados ao aeroporto de Santiago de Compostela, procedentes de Arxentina, Brasil, México e España

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2018.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e o Delegado Territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro Tato recibiron ás e aos primeiros 41 participantes da edición deste ano do programa da Campaña de Verán ‘Conecta con Galicia’, dirixido a mozos e mozas de orixe galega ou descendentes de galegas e galegos e que residan no exterior, que aterraron nas últimas horas na Galicia territorial. 

Trátase dunha iniciativa da propia Secretaría Xeral en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, da Consellería de Política Social, pola que se pretende que este colectivo teña oportunidade de coñecer de primeira man a realidade galega, e atoparse coas súas familias da outra beira do Atlántico no marco da Campaña de Verán da Consellería.

O programa ten como obxectivo fortalecer esas ligazóns que relacionan a estes mozos e mozas coa terra dos seus e as súas familiares e que, en moitas ocasións, senten como propia ao mesmo ou superior nivel dos países onde naceran. A iniciativa, para moitos deles e delas, supón a primeira posibilidade de coñecer fisicamente a terra das e dos seus devanceiros, e as xeracións da familia que quedaron na Galicia territorial. 

Así, o programa permite que 162 descendentes de cidadás e cidadáns galegos poidan coñecer a realidade da mocidade galega a través da convivencia e das experiencias que lles acheguen as actividades previstas, e sobre todo da convivencia persoal e humana cos seus coetáneos e coetáneas desta parte do océano, pois a estadía realízase conxuntamente cun colectivo de rapaces e rapazas residentes na Galicia territorial.
 
Actividades do Conecta con Galicia
‘Conecta con Galicia’ desenvolvese nas actividades de aire libre que comprenden 'Actividades no Mar' e 'Actividades do Camiño de Santiago'. Destas actividades beneficiaranse 162 mozos e mozas galegos residentes fóra de Galicia, distribuídos en dous grupos de idade, de 14 a 17 anos e de 18 a 20 anos. Compartirán con mozos e mozas residentes en Galicia, en dúas quendas de doce días, do 1 ao 12 de xullo e do 15 ao 26 de xullo, as residencias e albergues xuvenís situados en Galicia e dependentes da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, da Consellería de Política Social.
 
Nestas instalacións  realizarán dúas actividades, de seis días cada unha. Durante a primeira, denominada 'Cultura e Camiño', as e os participantes aloxaranse nas residencias xuvenís Lug II de Lugo, e Florentino López Cuevillas de Ourense, onde participarán en actividades dirixidas a coñecer o patrimonio histórico cultural das respectivas zonas, e percorrerán o Camiño de Santiago en varias etapas ata o destino final en Compostela. O segundo grupo de actividades, tamén de seis días de duración, desenvólvese baixo o paraugas do epígrafe 'O mar de Galicia' no albergue xuvenil de Gandarío en Bergondo (A Coruña), onde realizarán actividades de náutica de lecer e de coñecemento do medio mariño.
 
Por países
Na edición deste ano 2018, do total de 162 participantes no programa, 82 proceden de Arxentina, 37 do Uruguai,  26 de Venezuela, 5 de Brasil, 7 de Cuba, 2 de México e 3 doutras Comunidades Autónomas españolas.
 
Campaña de Verán
Conecta con Galicia enmárcanse dentro da Campaña de Verán 2018 que organiza a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. A campaña de verán inclúe albergues, campamentos, e actividades de ocio e tempo libre para a mocidade. Cómpre destacar que outro dos aspectos positivos da campaña está no impulso ao emprego que leva aparellada. Grazas ao desenvolvemento destas actividades, as empresas de ocio e tempo libre de Galicia darán traballo a numerosas e numerosos monitores e directores de campamentos. 

1403 lecturas