Miranda lembra a importancia de dar prioridade ao investimento social na súa visita á Hermandad Gallega de Venezuela
O secretario xeral da Emigración asinou dous acordos de colaboración coa entidade, e afirmou ante as e os directivos da Galeguidade en Caracas que “o máis importante é sempre atender a quen máis o necesita”.
Tamén explicou polo miúdo as distintas liñas de apoio ao retorno que desenvolve a Xunta.
O alto cargo fixo asemade entrega de cadansúa ‘compostela’ aos rapaces e rapazas participantes este ano no ‘Conecta con Galicia’.
Imaxe da visita de Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral da Emigración, ao Centro de Día da Hermandad Gallega de Venezuela
Imaxe da entrega de compostelas aos mozos e mozas participantes na edición de 2016 do programa "Conecta con Galicia" da Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia
Miranda presentou na Hermandad Gallega de Caracas un adianto das ‘Bolsas Excelencia Mocidade Exterior’ e as outras dúas liñas de apoio ao retorno que desenvolve especificamente a Secretaría Xeral da Emigración
O secretario xeral da Emigración asinou cadanseu convenio para a atención socio sanitaria e asistencial das e dos galegos residentes en Caracas, e para o financiamento da Oficina de Información da Hermandad
O secretario xeral da Emigración mantivo unha xuntanza de traballo cos directivos e directivas das entidades galegas con presenza en Caracas
De esquerda a dereita: o presidente da Hermandad Gallega de Venezuela; o secretario da entidade; o secretario xeral da Emigración, e -de costas- o conselleiro de emprego e seguridade social da Embaixada de España
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, visitou a socias, socios e instalacións da Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas, coa que asinou dous acordos de colaboración coa entidade, un para atención das necesidades socio sanitarias e asistenciais básicas das cidadás e dos cidadáns galegos residentes na capital e a súa contorna, e máis outro para o mantemento dunha oficina de información e asesoramento á colectividade galega.
O primeiro deles, para atención socio sanitaria e asistencial e dotado con 30.000 euros, ten por obxecto a atención do colectivo de persoas galegas residentes alí que por razóns de idade, estado físico e situación de carencia necesiten a cobertura de necesidades asistenciais e sanitarias. O segundo posibilita o co financiamento dos gastos de funcionamento da Oficina de Información da Hermandad Gallega na súa propia sede, e que ten por finalidade a realización de actividades de información, difusión e asesoramento á colectividade galega de programas e actuacións desenvolvidos a prol dos galegos e galegas residentes no exterior.
Miranda visitou de maneira previa á sinatura, e precisamente, o Centro de Día no que a Hermandad presta boa parte da asistencia social e sanitaria máis relevante ao colectivo de galegas e galegos en Venezuela. Tamén antes da sinatura dos convenios tivo ocasión de manter unha xuntanza de traballo cos directivos e directivas das entidades galegas con presenza na cidade: a Asociación Civil Galega Fillos de Ourense, a Benéfica Fillos de Lalín, o Centro Benéfico Fillos da Estrada, a Asociación Benéfica Provincia de Pontevedra, a Asociación Benéfica Fillos da Coruña, Fundaourense, a Asociación Fillos da Provincia de Lugo, e maila Asociación Terras de Celanova e Baixa Limia.
Entrega das ‘compostelas’
O secretario xeral mantivo un encontro directo con socias e socios da Hermandad, onde presentou ademais un adianto das ‘Bolsas Excelencia Mocidade Exterior’, iniciativa pioneira que neste ano se porá en marcha, e que ten por obxecto facilitar que as e os galegos e descendentes, residentes no estranxeiro e cun bo expediente académico, poidan realizar mestrados nalgunha das tres universidades galegas, o cal lles dea acceso ao mercado laboral galego.
Tamén presentou as outras dúas liñas de apoio ao retorno, as axudas asistenciais -para gastos sobrevidos do retorno en casos de emerxencia- e as Axudas ao Retorno Emprendedor: estas pódense sumar a outras subvencións públicas e privadas, e ata o de agora teñen axudado a medio centenar de iniciativas empresariais desenvolvidas por persoas retornadas a se implantaren no territorio galego. Cómpre destacar que, en ambos casos, a porcentaxe de beneficiarios e beneficiarias que residían en Venezuela antes do retorno é a maior de entre tódolos países.
Finalmente, Miranda presidiu a entrega das compostelas (credenciais de teren realizado un tramo mínimo do Camiño de Santiago) aos mozos e mozas participantes no programa Conecta con Galicia 2016 e que residen en Caracas.
Permanente atención
Miranda recordou aos galegos e galegas de Caracas a “permanente atención que a Xunta presta ás necesidades do nosos paisanos residentes en Venezuela”, e comprometeuse a redobrar esforzos no caso de que estas necesidades aumenten no futuro. Neste senso, cómpre lembrar que a axuda que o Goberno galego pon ao dispor das cidadás e dos cidadáns residentes en Venezuela desenvólvese en dous eixos fundamentais.
Por unha banda, nas achegas directas a través de axudas individuais, que teñen beneficiado a duascentas familias só en 2016; e, por outra, a través de programas específicos para a mocidade e maiores, acordos en materia social e asistencial con entidades que actúan alí, e acollida en institucións de coidado a galegos: aténdese directamente a uns 1.000 galegos e galegas en colaboración coas diferentes institucións. O orzamento destinado en 2016 para Venezuela a estas liñas ascendeu a máis de 600.000 euros.
O social, a prioridade
A Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas é unha das institucións máis importantes da diáspora, e un referente de intensa actividade social, económica e cultural que a Galeguidade desenvolve nas sociedades de recepción. A entidade aglutina agora mesmo a preto de 12.000 familias galegas, e as súas instalacións son moi valoradas polo seu ambiente de seguridade no centro da convulsa capital venezolana.
Ademais de numerosas agrupacións musicais e culturais, deportivas e sociais, a Hermandad desenvolve actividades de todo tipo para a diáspora, como as xa comentadas nos ámbitos socio sanitario e asistencial, “aos que neste tempo debemos prestar especial atención e dar prioridade, pois o máis importante é sempre atender a quen máis o necesita”, segundo recalcou Miranda ás e aos directivos das entidades galegas en Caracas.
A Hermandad nace da fusión do Lar Galego, da Casa de Galicia e Centro Galego, e na súa sede principal ten instalados os servizos socio asistenciais, con consultorios de distintas especialidades médicas. Ademais, fúndase en 1965 o Colexio Castelao, dependente da Hermandad, e que está integrado arestora por case 500 alumnas e alumnos e medio centenar de educadores. Desde o ano 2006, a Hermandad é membro da Comisión Delegada do Consello das Comunidades Galegas, máximo órgano de representación da diáspora galega no mundo.
Remate da viaxe
Xa hoxe venres, Miranda visitará precisamente o Colexio Castelao e asinará un novo acordo de colaboración para a atención a paisanas e paisanos en materia social, sanitaria e asistencial, nesta ocasión coa Fundación España Salud. Tamén visitará o Fogar San José, que atende a un destacado número de galegos e galegas na capital venezolana.
Con estas actividades, Miranda remata esta nova viaxe a Venezuela, país no que residen 46.095 galegas e galegos, de quen 29.684 (un 64’4 por cento) naceron xa na diáspora. Coa súa permanente e crecente atención ás colectividades galegas que residen alí, a Xunta quere transmitir aos paisanos e paisanas residentes no país a súa preocupación compartida pola complicada situación que atravesa o país.
Novas relacionadas



