Miranda transmitirá aos galegos e galegas de Venezuela o compromiso da Xunta por reforzar a asistencia ás e aos paisanos con maiores dificultades

O secretario xeral da Emigración presentará asemade en Valencia e Caracas as axudas ao retorno emprendedor, e tamén un adianto das novas bolsas para promover o retorno das e dos universitarios galegos da diáspora.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2017.

Antonio Rodríguez Miranda inicia mañá a súa primeira viaxe institucional do ano a Venezuela, destino en máis dunha ducia de ocasións na lexislatura pasada. Coa presenza reiterada do secretario xeral da Emigración e outros altos cargos, e a permanente e crecente atención ás colectividades galegas que residen alí, a Xunta quere transmitir aos paisanos e paisanas residentes en Venezuela a súa preocupación compartida pola complicada situación que atravesa o país.

Miranda visitará en primeiro lugar Valencia, terceira cidade máis poboada do país e que concentra un número importante de galegas e galegos, a maioría dos cales están vinculados á Hermandad Gallega de Valencia. Alí, o secretario xeral asinará un acordo de colaboración en materia social e asistencial para atención ás necesidades básicas das nosas e os nosos paisanos residentes na zona.

Tamén terá un encontro con socias e socios da entidade, e a súa directiva, e presentará un adianto das   ‘Bolsas Excelencia Mocidade Exterior’, iniciativa pioneira que neste ano se porá en marcha, e que ten por obxecto facilitar que os galegos e galegas e descendentes, residentes no estranxeiro e cun bo expediente académico, poidan realizar mestrados nalgunha das tres universidades galegas, o cal lles dea acceso ao mercado laboral galego. Tamén presentará as liñas de apoio ao retorno, tanto as axudas asistenciais como as Axudas ao Retorno Emprendedor: estas pódense sumar a outras subvencións públicas e privadas, e ata o de agora teñen axudado xa a medio centenar de iniciativas empresariais desenvolvidas por retornados e retornadas a se implantaren no territorio galego.

En Caracas
O secretario xeral desprazarase xa o xoves a Caracas, onde reside a colectividade galega máis numerosa no país, e sede dunha das comunidades máis senlleiras da diáspora, a Hermandad Gallega de Venezuela. Alí, visitará a socias, socios e instalacións, e asinará dous acordos de colaboración coa entidade, un similar ao de Valencia para atención social e sanitaria a galegos e galegas residentes na capital, e máis outro para o mantemento dunha oficina de atención e asesoramento á colectividade galega.

Asemade, Miranda presentará de novo o avance das ‘Bolsas Excelencia Mocidade Exterior’ e os programas de axuda ao retorno, e tamén fará entrega das compostelas (credenciais de teren realizado un tramo mínimo do Camiño de Santiago) aos mozos e mozas participantes no programa Conecta con Galicia 2016 e que residen en Caracas.

Xa o venres, Miranda visitará o Colexio Castelao (fundado pola diáspora e no que colabora activamente a Xunta de Galicia), e asinará un novo acordo de colaboración para a atención a paisanas e paisanos en materia social, sanitaria e asistencial, nesta ocasión coa Fundación España Salud, para asistencia a galegas e galegos en situación de especial precariedade ou dependencia. Tamén visitará o Fogar San José, que atende a un destacado número de galegos e galegas na capital venezolana.

Atención constante
O Goberno galego segue con especial atención os acontecementos en Venezuela, e está en permanente contacto coas comunidades galegas asentadas no país. A colaboración e traballo destas é fundamental para que a axuda que presta a Xunta poida chegar ás e aos seus destinatarios.

Esta axuda desenvólvese en dous eixos fundamentais. Por unha banda, nas achegas directas a través de axudas individuais, que teñen beneficiado a duascentas familias só en 2016; e, por outra, a través de programas específicos para a mocidade e maiores, acordos en materia social e asistencial con entidades que actúan alí, e acollida en institucións de coidado a cidadás e cidadáns galegos: aténdese directamente a unhas 1.000 persoas galegas en colaboración coas diferentes institucións. O orzamento destinado en 2016 para Venezuela a estas liñas ascendeu a máis de 600.000 euros.

Ademais, dentro do programa de axudas asistenciais ao retorno (que unicamente se reciben unha vez, e por causas de extrema precariedade), e tamén de Axudas ao Retorno Emprendedor, a porcentaxe de persoas beneficiarias que residían en Venezuela antes do retorno é a maior de entre tódolos países. Cómpre salientar que a Xunta colabora tamén de maneira intensa coas asociacións de retornados e retornadas de Venezuela residentes arestora en Galicia.

Máis de 46.000 galegos e galegas
Segundo os últimos datos do Padrón de Españois Residentes no Estranxeiro do Instituto Nacional de Estatística a 1 de xaneiro de 2016, residen en Venezuela un total de 46.095 galegas e galegos, dos que 29.684 (un 64’4 por cento) naceron xa na diáspora. Trátase, trala canaria, da colectividade española máis relevante nun país que está a atravesar momentos de especial incerteza sobre o seu futuro.

619 lecturas