Artigo do secretario xeral da Emigración en 'La Voz de Galicia'

Antonio Rodríguez Miranda
Antonio Rodríguez Miranda
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2017.

Baixo o título de 'O esforzo dos ourensáns en Venezuela', a edición de Ourense do xornal La Voz de Galicia publicou onte un artigo de Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral da Emigración da Xunta de Galicia. Deseguido reproducimos o seu contido:

Hoxe residen en Venezuela máis de 46.000 galegos, dos que a terceira parte serían ourensáns. Detrás do frío dato agóchase cadansúa historia de superación e de esforzo, perfís biográficos que atopamos -tamén con destacada presenza ourensá- noutros países de América e Centroeuropa. Cada unha desas historias merece ser contada, cada unha delas. Pero hoxe cómpreme gabar e aplaudir o esforzo que seguen a realizar os galegos do Exterior para que os nosos paisanos teñan a mellor vida posible cando veñen mal dadas. E en Venezuela, ultimamente, están a vir moi mal dadas.

O labor solidario de asistencia social das comunidades galegas do Exterior é motivo de orgullo para calquera galego de ben. As e os galegos temos demostrado neste campo un nivel de posta en común que xa quixeran para si os países máis avanzados do mundo. Digámolo ben alto e sen complexos, sen matices: o pobo galego é exemplo de solidariedade. Teno demostrado arreo, e segue a demostralo decote.

Sen desmerecer o traballo que se fai noutros países, o que realiza a Hermandad Gallega en Caracas e en Valencia, os centros galegos de Maracaibo e Puerto la Cruz, entidades como a Fundación España Salud, Fundaourense e outras, resulta fundamental para os milleiros de familias con orixe galega que viven alí, e que están a vivir situacións moi difíciles no cotián. Ás veces, conseguir bens tan simples como un litro de leite ou un modesto quilo de fariña –xa non falo de medicamentos- pode ser un pesadelo de varias xornadas. Iso, por non profundar no aumento da delincuencia, que ten convertido a Caracas na cidade máis perigosa do mundo, segundo criterio da ONU.

Quero valorar e agradecer o esforzo e paixón, a forza que tódolos días amosan os socios, traballadores e colaboradores das entidades galegas en Venezuela. Quero render nova e merecida homenaxe aos galegos no estranxeiro, por todo o que fixeron e fan polo ben común. E quero realizar un novo chamamento á solidariedade dos que, por fortuna, non necesitamos peregrinar varios días para podermos mercar leite, parafusos, papel, aspirinas. Sociedade e Administración galegas temos que estar nestes intres cos galegos en Venezuela, e tamén con aqueles que retornan e seguen sufrindo aquí as dificultades daquel país.

As e os galegos do Exterior foron vitais no desenvolvemento da Galicia que hoxe desfrutamos: primeiras escolas rurais, innovacións industriais, remesas de cartos nos anos máis duros en España, e estoutra variante da Galeguidade máis fermosa e actual: persoas e institucións que nos axudan a velar polos mínimos vitais para os maiores en países con escasa cobertura social, ou para a poboación xeral en casos, como o de Venezuela, de profunda crise.

Pasa o tempo, pasan os gobernos, pasan as persoas, pero os motivos para sentírmonos orgullosos da Galeguidade universal permanecen.

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario Xeral da Emigración

2067 lecturas