Coa nova viaxe a Venezuela e a sinatura de diversos convenios, Miranda ratifica o compromiso do goberno galego coa diáspora nese país

A nova viaxe do secretario xeral responde á intención do Goberno galego de realizar un seguimento regular da situación no país, e nomeadamente da colectividade galega.

O máximo responsable autonómico en materia de Emigración asiste ademais á toma de posesión da nova directiva da Hermandad Gallega en Caracas.

  • De esquerda a dereita: Fajín, Miranda e González durante a sinatura dos convenios entre Emigración e as entidades galegas de Caracas e Valencia
    De esquerda a dereita: Fajín, Miranda e González durante a sinatura dos convenios entre Emigración e as entidades galegas de Caracas e Valencia
  • Na imaxe, o secretario xeral da Emigración con membros das directivas da Hermandad Gallega de Caracas e Valencia
    Na imaxe, o secretario xeral da Emigración con membros das directivas da Hermandad Gallega de Caracas e Valencia
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 20 de maio de 2015.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, comeza hoxe unha nova viaxe a Venezuela, na que asinará cadanseu convenio de colaboración en materia social e asistencial coa Hermandad Gallega en Caracas, e coa súa homóloga en Valencia, coa finalidade de contribuír á atención das necesidades socio asistenciais básicas das cidadás e os cidadáns galegos residentes no país, e un terceiro coa entidade da capital para mantemento dunha oficina de información, asesoramento e atención social para a colectividade galega.

Na república venezolana reside un número relevante de persoas de orixe galega e as e os seus descendentes, que posúe unha importante presenza social e cultural na vida da capital e do resto do país. Segundo os datos do INE a 1 de xaneiro de 2015, 46.882 galegas e galegos residen arestora no país.

Nalgúns casos, aquelas e aqueles con menores posibilidades económicas ou situacións familiares ou persoais complexas, están a sufrir unha falta real e operativa de mecanismos integrais de cobertura social e sanitaria. Son estas as persoas destinatarias dos convenios asinados por Miranda, en representación da Xunta, con cadansúa comunidade galega en Caracas e Valencia.

Labor social
O primeiro dos convenios, o asinado coa Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas, e dotado con setenta mil euros, ten por obxecto contribuír á atención do colectivo de emigrantes galegos e galegas que por razóns de idade, estado físico e situación de carencia necesiten a cobertura  de necesidades socio sanitarias básicas, ou ser atendidos no Centro de Día que xestiona nas súas instalacións a devandita entidade.

No texto do acordo explícase que “o cambio de normativa acerca das entidades mutualistas e organizacións de asistencia sanitaria, realizada pola República de Venezuela no ano 2011, provocou que moitas e moitos emigrantes galegos que tiñan subscrita a súa cobertura médica a través de entidades mutualizadas quedaran sen tales coberturas”.

Fronte a esta situación, a Hermandad “está a desenvolver unha importante política social e sanitaria orientada a facer efectiva a cobertura médica básica de persoas, con escasos recursos e que se atopan en situación de necesidade, pertencentes á colectividade galega. A propia Hermandad dispón de servizos básicos de asistencia social, de ambulatorio médico e  atención sanitaria básica”.

Dous programas
Para a consecución do obxecto do convenio, Emigración colabora no financiamento de dous programas da entidade. O primeiro é de atención sanitaria básica de cidadás e cidadáns galegos maiores, residentes en Venezuela, que non perciban a pensión económica por ancianidade, concedida polo Estado español, e se atopen nunha situación de carencia que poña en risco o seu benestar integral e o das súas familias.

Así, e a teor do estipulado no acordo, a Hermandad en Caracas promoverá a identificación a través dos seus servizos de asistencia social, daquelas persoas de orixe galega e nacionalidade española que, carentes de recursos, poidan quedar en grave risco de desprotección sanitaria, favorecendo a súa integración, participación e relación co medio social. Para iso, desenvolverá actividades de carácter promocional, de estudo e detección de persoas con necesidades sanitarias básicas a través dos oportunos informes de asistentes sociais da propia entidade; de atención social individualizada, a través da figura dun traballador social, que exercerá as funcións de avaliación das persoas en situación de carencia; de prestación de asistencia sanitaria básica, ben directamente ou ben a través da subscrición de acordos con entidades hospitalarias; e de axuda directa para adquisición de medicamentos.

O segundo programa, de atención aos cidadáns galegos e galegas no centro de día da Hermandad,  contempla actividades de carácter promocional, detección e avaliación de persoas con necesidades  básicas a través dos oportunos informes de asistentes sociais da propia entidade; atención alimenticia, a través de comedor subvencionado, axustándose ás necesidades dietéticas persoais, en coordinación co médico xeriatra e o nutricionista; atención á saúde, a través dun servizo médico situado nas instalacións do centro; e atención integral, que incluirá a rehabilitación e estimulación física, cognitiva e relacional, charlas e conferencias sobre a saúde no maior, servizo de dinámicas socioculturais, e xornadas médicas preventivas.

Hermandad de Valencia
Nesta mesma viaxe, Rodríguez Miranda asinará un convenio similar coa Hermandad Gallega de Valencia, presidida por Manuel Fajín, e nesta ocasión dotado con vinte mil euros. A Hermandad valenciana comprométese a promover o benestar integral das persoas maiores e das súas familias, favorecendo a súa integración, participación e relación co medio social, mediante actividades de carácter promocional, de estimulación e prevención, similares ás descritas no acordo coa súa homóloga de Caracas.

En ambos casos, asemade, as respectivas comunidades galegas comprométense a dotarse do equipamento humano e técnico necesarios para o desenvolvemento de tódalas liñas de actuación acordadas.

Segundo expresión do secretario xeral da Emigración, “estes dous novos convenios son proba palpable da aposta do Goberno galego pola prioridade do gasto social alá onde hai un galego ou unha galega en situación de precariedade. O mesmo esforzo que realizamos na Galicia territorial trasládase á Galicia do Exterior, como non podía ser doutra maneira”, afirma Miranda.

Oficina e toma de posesión
Dada a relevancia da Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas, auténtico referente nacional e internacional da diáspora galega, e a situación de inestabilidade que sofre o país e, por tanto, unha parte importante das familias galegas alí radicadas, a Xunta considera de suma importancia o mantemento dunha oficina de información, asesoramento e atención social na capital venezolana.

A tal efecto, Rodríguez Miranda asinará outro convenio, dotado con vinte mil euros, polo que a Hermandad na capital comprométese a informar, difundir, asesorar e colaborar no desenvolvemento de todo tipo de programas e accións de interese xeral para a colectividade galega en Venezuela, en particular sobre calquera actuación ou programa levado a cabo por Emigración, e tamén a poñer á disposición da colectividade galega en Venezuela un acceso á web da Secretaría Xeral; poñer a disposición desa oficina persoal necesario con coñecementos adecuados para o funcionamento da mesma, así como o material necesario e suficiente para desenvolver, con efectividade, as tarefas de información e documentación; manter a oficina cun espazo axeitado para o desenvolvemento das súas funcións, nun local idóneo e habilitado para estes fins, que deberá contar con liñas telefónicas e acceso a internet; e facilitar toda a información que lle sexa requirida polos órganos xestores e de control da Comunidade Autónoma.

Miranda asinará este acordo, o mesmo que o de carácter socio asistencial, co novo presidente electo da Hermandad en Caracas, Roberto González, a cuxa toma de posesión, e do resto da directiva, asiste tamén durante esta nova estadía en Venezuela.

1210 lecturas