Galicia tivo a súa festa inesquecible
A Federación de Asociaciones Gallegas de la República Argentina festexou o Día de Galicia cun espectáculo musical no Teatro Bambalinas de Bos Aires.
O grupo Miña Terra amosou as súa magnífica calidade ante un auditorio que encheu as bancadas do Teatro Bambalinas
O presidente da Federación, Francisco Lores, agradeceu a presenza do público no acto
A banda de gaitas "Dúas Beiras" deleitou coa súa música
Varias autoridades da colectividade asistiron a esta celebración
O Conxunto Alborada da ABC do Partido de Corcubión foi moi aplaudido
A Agrupación Folklórica Baixo Miño fixo as delicias do público asistente
O Grupo do Centro Arzuano Mellidense emocionou ás persoas que enchían o Teatro Bambalinas
Resultou impactante a presentación do grupo Mouxos e Coruxas
Emocionante participación da Orquesta Escuela Juvenil de San Telmo
Resultou unha verdadeira festa a celebración do Día de Galicia organizada pola Federación de Asociaciones Gallegas de la República Argentina e as entidades participantes, onde o público que encheu as instalacións do Teatro Bambalinas gozou de varios números musicais de primeiro nivel.
Tras a benvida e as palabras alusivas á data por parte do titular da Federación, Francisco Lores, a Banda de Gaitas "Dúas Beiras" interpretou na apertura da súa presentación o Himno Galego, que rematou cun pechado aplauso de todas e todos os asistentes.
Logo de que a agrupación anfitriona executase varios temas tradicionais, subiu ao escenario o "Conxunto Alborada" da ABC do Partido de Corcubión, que despregou un repertorio no que a música e o baile foron premiados polo cariño do público, que as e os felicitou cun sostido aplauso final.
Tamén espertou a alegría das e dos presentes a recoñecida Agrupación Folclórica Baixo Miño, que sempre cega coa súa posta en escena multitudinaria e colorida.
Na súa quenda, o Grupo Arzuano Mellidense ofreceu numerosas pezas tradicionais galegas que emocionaron a moitas e moitos maiores que estaban nas butacas do Teatro Bambalinas.
O grupo musical "Miña Terra" presentouse en sociedade por primeira vez na entidade, demostrando unhas calidades estupendas á hora de animar un acto tan singular como é a celebración do Día de Galicia.
Así mesmo aconteceu coa agrupación "Mouxos e Coruxas", que impactaron pola súa solidez á hora de interpretar típicas cancións galegas.
Especialmente invitada para culminar a reunión participou a Orquesta Escuela Juvenil de San Telmo, que dirixe a profesora Clara Ackermann, pechando un acto impecable onde o pracer de escoitar boa música resultou o común denominador.
Antes de retirarse, e como xa é tradición por parte da Federación, ao público presente servíuselle a típica queimada galega, acompañada por rosquillas.
Fonte e fotos: Federación de Asociaciones Gallegas de la República Argentina
Novas relacionadas



