As e os beneficiarios dos programas ‘Conecta con Galicia’ e ‘Escolas Abertas’, da Secretaría Xeral da Emigración, participan conxuntamente nunha misa na catedral de Santiago

Na Praza do Obradoiro confluirán esta tarde a segunda quenda do programa dirixido á mocidade galega da diáspora, e mailo alumnado dos diferentes cursos de especialización para residentes no Exterior.

  • Case douscentos galegas e galegos da diáspora que participan este verán en dous dos programas da Secretaría Xeral da Emigración coincidiron esta tarde na basílica compostelá
    Case douscentos galegas e galegos da diáspora que participan este verán en dous dos programas da Secretaría Xeral da Emigración coincidiron esta tarde na basílica compostelá
  • Case douscentos galegas e galegos da diáspora que participan este verán en dous dos programas da Secretaría Xeral da Emigración coincidiron esta tarde na basílica compostelá
    Case douscentos galegas e galegos da diáspora que participan este verán en dous dos programas da Secretaría Xeral da Emigración coincidiron esta tarde na basílica compostelá
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2014.

Case douscentos galegas e galegos da diáspora que participan este verán en dous dos programas da Secretaría Xeral da Emigración (desenvolvido un deles en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, da Consellería de Traballo e Benestar) coincidirán esta tarde na basílica compostelá, nunha experiencia que para moitas e moitos deles será o primeiro achegamento ao principal monumento galego. Será esta a única ocasión en que coincidan xeograficamente as e os participantes nestas iniciativas.

Trátase das e dos integrantes da quenda da segunda quincena de xullo do programa ‘Conecta con Galicia’, e das alumnas e alumnos das distintas disciplinas ofertadas nas ‘Escolas Abertas’; ambas, iniciativas da Secretaría Xeral da Emigración.

Conecta con Galicia
‘Conecta con Galicia’ é un programa que ten como obxectivo fornecer as ligazóns que relacionan aos galegos e galegas de segunda xeración coa terra das súas familias e que, en moitas ocasións, senten como propia ao mesmo ou superior nivel dos países onde naceran. A iniciativa, para moitos deles e delas, supón a primeira posibilidade de coñecer fisicamente a terra das e dos seus devanceiros, e as xeracións da familia que quedaron na Galicia territorial.

A mocidade galega da diáspora de entre 14 a 20 anos desenvolve actividades de aire libre, compartindo con compañeiros e compañeiras residentes en Galicia, en dúas quendas de doce días, as residencias e albergues xuvenís situados en Galicia, dependentes da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, da Consellería de Traballo e Benestar.

Nestas instalacións  realizan dúas actividades, de seis días cada unha. Durante a primeira, denominada “Cultura e Camiño”, as e os participantes desenvolven actividades dirixidas a coñecer o patrimonio histórico cultural galego e percorren o Camiño de Santiago en varias etapas ata o destino final en Compostela. O segundo grupo de actividades, tamén de seis días de duración, desenvólvese baixo o paraugas do epígrafe “O mar de Galicia”, realizando actividades de náutica de lecer e de coñecemento do medio mariño.

Escolas Abertas
Os obradoiros de formación de carácter presencial, dirixidos tanto ás comunidades galegas no exterior como a cidadáns e cidadás individuais residentes no estranxeiro, pretenden espallar a cultura, modo de vida e actualidade de Galicia por todo o mundo a través da convivencia e estadía de persoas que transmitirán a súa experiencia propia a moitos outros nos seus lugares de orixe ou residencia habitual, mediante o efecto multiplicador dos cursos formativos. Desta maneira, a Galicia actual dáse a coñecer da maneira máis efectiva e afectiva entre os países nos que se asentan colonias de galegos e galegas.

As e os alumnos deste programa son, á súa vez, formadores nos lugares dos que proceden, polo que os seus coñecementos, e tamén a súa experiencia de contacto directo coa realidade actual do país, chega así á cidadanía de toda a Galicia Exterior. Coa instrución e mellora de habilidades das e dos participantes na iniciativa, acrecéntase o interese e a formación de milleiros de galegas e galegos residentes, e mesmo nados, fóra da Galicia territorial.

Os cursos que se levan a cabo nesta edición de 2014 consisten en obradoiros de especialización das seguintes modalidades: gaita tradicional galega, baile tradicional galego, percusión tradicional galega, canto popular e pandeireta, e confección de traxe tradicional galego.

1615 lecturas