Miranda preside a inauguración das obras de remodelación do Centro Galego de Castellón

O secretario xeral da Emigración visita asemade nos próximos días as comunidades galegas de Murcia, Alacante, e Valencia.

O centro murcián cumpre este ano o medio século de existencia.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2014.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, inicia hoxe a súa segunda visita oficial ás catro comunidades galegas asentadas no Levante español, onde se achegará a coñecer o traballo de impulso que as respectivas directivas están imprimindo a cadansúa entidade.

Así, en primeiro lugar, Miranda visitará o Centro Galego da Rexión de Murcia, que xusto este ano cumpre medio século de existencia, e que preside José Luis González. O centro desenvolve diversas actividades culturais, tanto ao longo de todo o ano como co gallo de efemérides concretas, nas que participa un importante número de galegas e galegos de segunda xeración nados xa á beira do Mediterráneo.

Así, participa en diversas actividades cunha caseta propia, non só na capital rexional senón en diversas localidades; celebra cursos relacionados coa cultura galega (recentemente tivo lugar un de confección de instrumentos tradicionais) en colaboración coa Asociación de Amigos da Gaita de Murcia; ou participa na difusión de iniciativas relacionadas con Galicia e as súas e os seus emprendedores para dalas a coñecer no seu ámbito xeográfico.

Alacante
Xa na xornada de mañá, visitará o Centro Galego de Alacante, que preside Arturo Fernández, e que está situado nun emblemático emprazamento da capital provincial, fronte á praia da cidade, ao pé do Castelo de Santa Bárbara. Alí, Miranda achegarase a participar coas socias e socios nalgunhas das múltiplas actividades de confraternidade que o Centro desenvolve desde hai case catro décadas.

O centro alacantino reúne á colectividade galega con accións enfocadas especificamente para a mocidade, e tamén para o público en xeral co gallo das principais festas locais e galegas, sendo as de Santiago en xullo e os magostos do outono as máis concorridas, con presenza dos propios asociados e asociadas e tamén da poboación autóctona. Ademais, ao longo de todo o ano leva a cabo unha variada oferta de actividades formativas e ciclos de conferencias.

Na capital do Turia
O percorrido de Miranda polos centros da Comunidades Valenciana e da Rexión de Murcia levarao despois á capital da primeira delas. O Centro Galego de Valencia ‘Amics de la Gaita’, que preside Lorena Nieves, é un novo exemplo senlleiro de revitalización dunha entidade galega da diáspora grazas á organización e posta en marcha de actividades atractivas para a mocidade.

Así, o centro valenciano organiza concertos, conferencias e exposicións; viaxes para asistir a concertos, cursos e obradoiros; ciclos de cine e teatro; xornadas gastronómicas, romarías e festas; foliadas, seráns, e jam sessions; ten tamén creado un fondo de préstamo bibliográfico, fílmico e de son, e apoia a formacións musicais.

Mais sen dúbida, a actividade que outorga ao Centro maior proxección entre a poboación valenciana, e tamén máis sona entre a Galeguidade, é a celebración do Festival Dos Mares, que se celebra en setembro e que este ano 2014, na súa cuarta edición, durará 17 días. Segundo a organización, “a intención deste Festival é rachar coa imaxe tinguida de nostalxia para, a partir das diferentes experiencias de mobilidade e integración, construír un proxecto de difusión dunha raíz cultural mesturada entre aquelas e aqueles que chegan e aquelas e aqueles que os reciben, como ensaio dunha estratexia lúdica de traballo que busque a apertura cara tódolos que compartimos un mesmo espazo de convivencia”.

Chamamento á acción conxunta
Miranda rematará esta viaxe no Centro Galego de Castellón ‘O Aturuxo’, cuxa primeira fundación data de 1936. Trátase dunha das entidades da diáspora galega que reapareceu nos anos 90 con novos folgos, despois de dúas décadas de esmorecemento. Arestora está presidida polo noiés Xosé Filgueira, e na súa masa societaria constan boa parte das e dos membros de familia galega pero xa nados en Castellón. O centro realiza ao longo do ano diversas actividades de tipo social, lúdico e educativo, e tamén deportivo, achegándose así ás xeracións máis novas e procurando o relevo xeracional.

A presenza de Miranda coincide ademais coa inauguración oficial das obras de remodelación do Centro, nas que a Secretaría Xeral ten colaborado en parte no financiamento. Para o secretario xeral da Emigración, “constatar de novo a enerxía e forza coa que a directiva actual do Centro encara o futuro é motivo de ledicia para as e os galegos residentes en toda a Comunidade Valenciana, pero tamén para toda a Galeguidade universal”.

O máximo responsable en materia de Emigración na Xunta gabou a iniciativa que os centros do Levante español levaron a cabo o pasado ano para celebraren conxuntamente o xantar de confraternidade de tódolos seus socios e socias, e confiou en que fose “semente de novas accións en conxunto que, o mesmo que no resto de España, de Europa e do mundo, fornezan as relacións entre as distintas comunidades galegas e as fagan por tanto máis fortes”.

807 lecturas