Rodríguez Miranda: “a Xunta traballa para que os galegos que agora reciben asistencia, a sigan recibindo no futuro”
O secretario xeral da Emigración asinou en Bos Aires os respectivos convenios para funcionamento do Fogar Galego de Anciáns de Domselaar, e do centro de día dependente do Centro Galego de Mar del Plata.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, compareceu está mañá en rolda de prensa na Delegación da Xunta de Galicia en Bos Aires, acompañado do titular desta última, Alejandro Dobarro, para facer balance da súa viaxe por Uruguai e Arxentina, tras ter acompañado a pasada semana ao Presidente Feijóo por terras mexicanas.
Antes de realizar o balance ante a prensa convocada na Delegación, Miranda entrevistouse con responsables da Fundación Galicia América, que xestiona o Colexio Santiago Apóstolo, un dos máis senlleiros da capital porteña, e un símbolo da Galeguidade na cidade. Ademais, asinou dous convenios para funcionamento e mantemento do Fogar Galego de Anciáns de Domselaar, e para o do centro de día dependente do Centro Galego de Mar del Plata.
“Estes acordos son unha mostra máis do compromiso do Goberno de Galicia cos galegos con maiores necesidades socio asistenciais, residan onde residan. Tódolos galegos somos conscientes da fraxilidade da situación dalgúns paisanos de avanzada idade, e da necesidade de manter ese compromiso social de primeira categoría”, afirmou o secretario.
Compromiso social
Precisamente, ese compromiso social mantense na execución prevista dos orzamentos do seu departamento para 2014. Malia a redución global, as partidas de carácter social mantéñense sen tocar ou mesmo con lixeiras subas, restrinxíndose o axuste orzamentario deste ano ao Capítulo I (de Persoal) e a pequenas partidas doutros capítulos que non teñen como finalidade a prestación de servizos a persoas.
Así, Miranda lembrou, entre os programas asistenciais que Emigración mantén intocables este ano, que se destinan dous millóns de euros (case a cuarta parte do orzamento total da Secretaría Xeral) a axudas individuais para paliar situacións de necesidade. Ademais, existen outras extraordinarias de axuda ao retorno, para aquelas persoas que sufran unhas condicións sobrevidas de especial precariedade.
Igualmente, o alto cargo da Xunta recordou que se investirán 200.000 euros para axudas á persoa retornada emprendedora: “A nosa máxima é que o retornado emprendedor se sinta acompañado polo Goberno galego, que senta que se lle bota unha man no momento máis difícil, que é cando comeza a súa andaina empresarial”.
Ademais, Miranda deu repaso a outros orzamentos previstos e destinados a actividades culturais, lúdicas e formativas para as e os galegos da diáspora a través das comunidades galegas do Exterior, e tamén para manter a infraestrutura e adquirir os equipamentos necesarios para os mesmos, por valor de millón e medio de euros.
Finalmente, o máximo responsable autonómico en materia de Emigración recordou outras liñas postas en marcha polo seu departamento, tales como cursos, seminarios e obradoiros de formación, ou os programas ‘Conecta con Galicia’ e ‘Escolas Abertas’, entre outras iniciativas destinadas a fornecer as ligazóns entre as e os galegos do Exterior de distintas xeracións e a Galicia territorial.
Resto da viaxe
Miranda lembrou que na xornada de onte se entrevistou co subsecretario de Dereitos Humanos e Pluralismo Cultural do Goberno da Cidade de Bos Aires, Claudio Avruj, con quen presentou a iniciativa compartida entre os gobernos galego e bonaerense de levar a cabo unha acción de difusión da cultura e calidade da Galicia moderna, na segunda semana de setembro, baixo o título ‘Buenos Aires celebra Galicia’.
O secretario xeral, asemade, estivo o pasado domingo na outra beira do Río da Prata, compartindo cas e cos galegos da diáspora uruguaia a Gran Romaría Galega da capital charrúa, multitudinaria celebración anual que leva a cabo o Centro Galego de Montevideo.
Novas relacionadas




