Emigración destina 600.000 euros a apoio infraestrutural e adquisición de equipamentos das comunidades galegas no exterior

A resolución publicada no DOG establece unha mellora na puntuación do baremo para as entidades que sexan resultado do proceso de unión ou fusión de varias comunidades galegas.

Coa finalidade de atender o máximo número posible de solicitudes, a contía da subvención por proxecto non poderá superar os 30.000 ou 12.000 euros, segundo o programa ao que pretenda acollerse.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2014.

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar esta semana a resolución pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións correspondentes aos programas de apoio infraestrutural e adquisición de equipamentos ás comunidades galegas no exterior, e se procede a súa convocatoria para o ano 2014.

Esta liña de apoio ás comunidades divídese en dous programas, un primeiro de axudas para a ampliación, reforma, rehabilitación e conservación das instalacións e/ou patrimonio cultural, e un segundo programa de axudas para a mellora de dotacións e equipamentos de carácter inventariable.

O orzamento xeral que a Secretaría Xeral da Emigración destina neste ano 2014 a esta iniciativa é de 600.000 euros. Destes cartos, 350.000 achegaranse para sufragar o primeiro programa, e o importe máximo dos investimentos do proxecto para o que se solicite subvención non poderá superar en ningún caso a contía de 75.000 €, e o importe máximo que se concederá será inferior a 30.000 €.

Para o segundo programa de axudas para mellora de dotacións e equipamentos de carácter inventariable, destínanse os restantes 250.000 €. O importe máximo da axuda que se concederá neste programa será de 12.000 €.

Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas para estes programas as entidades galegas asentadas fóra de Galicia que teñan recoñecida a categoría de comunidades galegas ou de centros colaboradores da galeguidade. Segundo se establece na resolución publicada no DOG, o prazo de presentación das solicitudes será de 40 días naturais.

Apoio ás unións
No preámbulo da mesma explícase que “os principios de economía, austeridade e eficiencia na asignación e no emprego de recursos públicos que deben presidir a actuación das administracións públicas determinan que deban buscarse fórmulas que posibiliten unha xestión máis racional e eficiente dos recursos públicos que garantan unha mellor optimización destes. Neste senso, a Lei de Galeguidade establece que a Xunta de Galicia promoverá os procesos de unión ou fusión entre as entidades galegas no exterior, perseguindo así unha optimización non só dos recursos propios, senón tamén daqueles que son achegados anualmente pola propia administración a través dos correspondentes programas de axudas e subvencións”.

Así, na resolución establécese unha maior puntuación na valoración das solicitudes daquelas entidades que sexan o resultado dun recente proceso de unión ou fusión doutras entidades ou que nos seus ámbitos territoriais teñan a característica de ser as únicas recoñecidas coa correspondente categoría. Deste xeito, dáse forma e continuidade ao compromiso do Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e do secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, de apoiar e favorecer estes procesos de fortalecemento e axeitado dimensionamento das comunidades galegas no Exterior.

1357 lecturas