Emigración destina 900.000 euros a axudar ao funcionamento e actividades das comunidades galegas no exterior, 100.000 máis ca no 2013
A resolución publicada no DOG establece unha mellora na puntuación do baremo para as entidades que sexan resultado do proceso de unión ou fusión de varias comunidades galegas.
Estas axudas engádense e son compatibles coas publicadas a pasada semana de apoio infraestrutural e adquisición de equipamentos, dotadas con 600.000 euros.
O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a resolución pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan as subvencións correspondentes a programas de actuación en favor das entidades galegas no exterior para o exercicio 2014.
Estas subvencións axudan a que as entidades galegas establecidas no Exterior ou noutras comunidades autónomas realicen programas de actividades que lles sexan propias e sinaladamente nas áreas formativas, culturais, de xuventude, así como as que contribúan ao financiamento dos gastos de funcionamento.
O procedemento de concesión das subvencións realizarase en réxime de concorrencia competitiva, respectando os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, aos que se debe axustar a xestión das subvencións e axudas outorgadas polas administracións públicas.
Programas e liñas
Establécense dous programas, e no primeiro deles dúas liñas distintas. Así, o primeiro programa cínxese a axudas para gastos de funcionamento e proxectos de actividades promovidos polas entidades galegas do exterior, que abrangue dous obxectos de subvención: financiamento de gastos de funcionamento das entidades galegas (primeira liña), e axudas para proxectos culturais, promovidos pola xuventude, para accións informativas, ou para o cumprimento dos seus fins (segunda liña).
O segundo programa axuda á realización de accións de especial relevancia promovidas por comunidades galegas que teñan como obxectivo a promoción cultural, social ou económica de Galicia ou da propia entidade.
Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas para estes programas as entidades galegas asentadas fóra de Galicia que teñan recoñecida a categoría de comunidades galegas ou de centros colaboradores da galeguidade. Segundo se establece na resolución publicada no DOG, o prazo de presentación das solicitudes será de 40 días naturais.
Orzamento
O orzamento xeral que a Secretaría Xeral da Emigración destina neste ano 2014 a esta iniciativa é de 900.000 euros, 100.000 máis ca o ano pasado, o que supón un incremento orzamentario para esta iniciativa do 12’5 %.
O importe máximo subvencionable por entidade peticionaria non poderá superar en ningún caso a contía de 18.000 euros para a primeira liña do primeiro programa, e de 25.000 para a segunda liña do primeiro programa, pero a suma de ambas liñas non pode pasar dos 33.000. Finalmente, a esa cantidade pódese engadir un máximo de subvención de 10.000 pola segunda liña, de maneira que en ningún caso un único centro pode recibir máis de 43.000 euros en total.
No preámbulo da disposición explícase que “os principios de economía, austeridade e eficiencia na asignación e no emprego de recursos públicos que deben presidir a actuación das administracións públicas determinan que deban buscarse fórmulas que posibiliten unha xestión máis racional e eficiente dos recursos públicos que garantan unha mellor optimización destes. Neste senso, a Lei de Galeguidade establece que a Xunta de Galicia promoverá os procesos de unión ou fusión entre as entidades galegas no exterior, perseguindo así unha optimización non só dos recursos propios, senón tamén daqueles que son achegados anualmente pola propia administración a través dos correspondentes programas de axudas e subvencións”.
Así, na resolución establécese unha maior puntuación na valoración das solicitudes daquelas entidades que sexan o resultado dun recente proceso de unión ou fusión doutras entidades ou que nos seus ámbitos territoriais teñan a característica de ser as únicas recoñecidas coa correspondente categoría. Deste xeito, dáse forma e continuidade ao compromiso do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e do secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, de apoiar e favorecer estes procesos de fortalecemento e axeitado dimensionamento das comunidades galegas no Exterior.
Compatibles coas de equipamento
Estas axudas engádense e son compatibles coas publicadas tamén no DOG a pasada semana de apoio infraestrutural e adquisición de equipamentos, dotadas con outros 600.000 euros, e que perseguen axudar á ampliación, reforma, rehabilitación e conservación das instalacións e/ou patrimonio cultural e, por outra banda, a mellora de dotacións e equipamentos de carácter inventariable.
Novas relacionadas



