O Centro Gallego de Santander homenaxeou ao ourensán Manuel Ramón Arias Teijeiro de Castro, bispo da capital cántabra, no 150 aniversario do seu pasamento

Natural de O Carballiño, era sobriño de Frei  Veremundo Arias Tixeiro (bispo de Pamplona en 1804 e de Valencia en 1814), e curmán de Frei Anselmo Bartolomé de la Peña, bispo de Agrigento (Sicilia- Italia) de 1717 a 1723, ambos os dous tamén galegos.

  • Imaxe das e dos asistentes ao acto de homenaxe a Manuel Ramón Arias Teijeiro de Castro, o bispo natural de O Carballiño
    Imaxe das e dos asistentes ao acto de homenaxe a Manuel Ramón Arias Teijeiro de Castro, o bispo natural de O Carballiño
  • José Antonio Hermida, presidente da entidade galega na capital de Cantabria, bosquexou a biografía do bispo galego
    José Antonio Hermida, presidente da entidade galega na capital de Cantabria, bosquexou a biografía do bispo galego
  • Durante o acto litúrxico, interveu a Agrupación Musical Pulso y Púa Fresneda, de Los Corrales de Buelna
    Durante o acto litúrxico, interveu a Agrupación Musical Pulso y Púa Fresneda, de Los Corrales de Buelna
  • O Centro Gallego de Santander entregou unha placa alusiva a esta homenaxe aos moxes dominicos de Las Caldas
    O Centro Gallego de Santander entregou unha placa alusiva a esta homenaxe aos moxes dominicos de Las Caldas
Listen to this page using ReadSpeaker
Santander (Cantabria), 11 de xaneiro de 2014.

O presidente do Centro Gallego de Santander, José Antonio Otero Hermida, acompañado da Xunta Directiva (Clemente González -vicepresidente-, Olga Babarro, María Santos, Luis Fernández, Alejandro Llano e Susana Rodríguez), en representación dos socios e socias da Casa de Galicia en Cantabria, organizaron un sinxelo pero emotivo acto de recoñecemento cara a un galego ilustre, o Excmo e Rvdmo. Sr. D. Manuel Ramón Arias Teijeiro de Castro, sexto bispo de Santander, ao cumprirse o pasado día 19 de decembro de 2013, o 150 aniversario da súa morte acaecida en 1863, precisamente no fermoso Santuario de Nuestra Señora de las Caldas, onde dende entón repousan os seus restos mortais.

No acto estivo presente o tenente de Alcalde do municipio de Los Corrales de Buelna, Serviliano González García, en representación da Corporación Municipal que preside a alcaldesa Dna. Mª Mercedes Toribio Ruiz; Paulino Laguillo, xornalista e escritor, veciño de Los Corrales de Buelna, que colaborou coa entidade galega na organización da homenaxe; e moitos amigos e amigas do Centro Gallego que se uniron a esta celebración, como Enrique Gutiérrez Marcos, Pedro Arce Díez ou José Ramón Saéz, entre outros e outras.

Oficiou a Santa Misa o Padre Tomás González Santiago dominicano de Las Caldas, axudado polo Reitor do Seminario Diocesano do Monte Corbán, D. Juan José Valero Álvarez. O acto relixioso contou cunha numerosa asistencia de veciños e veciñas de Las Caldas, San Felices e Los Corrales de Buelna.

Ao comezo da misa fíxose un ofrecemento floral ante a tumba e lápida do bispo Manuel Ramón Arias Teijeiro de Castro, no cal participaron o presidente e o vicepresidente do Centro Gallego. A continuación o presidente da Casa de Galicia, José Antonio Otero Hermida, dirixiu unhas breves palabras ás e aos presentes agradecéndolles a súa presenza no acto, glosando a continuación a figura do insigne e ilustre bispo de Santander.

O bispo Manuel Ramón Arias naceu en Cabanelas, parroquia de Santa Eulalia de Banga, pertencente ao Concello de O Carballiño (Ourense), o 1 de maio de 1780. É curmán do Frei Anselmo Bartolomé de la Peña (Bispo de Agrigento (Sicilia)- Italia 1717 a 1723); e sobriño de Frei Veremundo Arias Tixeiro (bispo de Pamplona en 1804 e de Valencia en 1814), ao que estivo moi vinculado sendo o seu secretario. Este é un dos bispos mais estudados de España e o seu labor pastoral foi moi importante en tempos moi difíciles para o país. Tivo unha actitude do máis heroica en defensa da Igrexa Católica, durante a Guerra da Independencia así como durante o Trienio Liberal. Como dato curioso, os tres bispos naceron no mesmo lugar de Galicia.

Foron numerosos os feitos relevantes durante o mandato do Reverendo Manuel Ramón Arias Teijeiro de Castro, bispo de Santander. Foi presentado por Isabel II para ocupar a diocese de Santander cando contaba 67 anos de idade e o Papa Pío IX expide a bula correspondente para confirmarlle como bispo o 17 de xaneiro de 1848. A súa ordenación como bispo ten lugar en Madrid o 2 de xullo de 1848 e o 19 de xullo toma posesión do bispado de Santander con gran solemnidade e recibimento polo pobo, sendo o sexto bispo da actual capital cántabra. A súa actividade pastoral tivo unha gran transcendencia para a diócese de Santander, sendo o promotor da construción da Igrexa de Santa Lucía de Santander solicitada á casa do concello santanderina o 12 de xuño de 1850. Fundou o Seminario Maior Diocesano no antigo Convento de Corbán, en San Román de la Llanilla (Santander), que se inaugurou o 15 de outubro de 1852. Participou nos actos inugurales do ferrocarril Santander-Alar del Rey en tempos de Isabel II, o 3 de maio de 1852. Tamén iniciou o proxecto de estrada dende Santander (barrio Pronillo) ao seminario de Corbán, o 1857, e instaurou os carros fúnebres en Santander o 6 de marzo de 1858.

A súa vinculación co Santuario de Nª Srª de Las Caldas, débese probablemente ao cóengo D. Felipe Dionisio de Quijano y Hazas, natural de Los Corrales de Buelna e tío avó de D. José Mª Quijano Fernández-Hontoria, fundador das Forjas de Buelna en 1873, o que con toda seguridade deu a coñecer ao  bispo ourensán o Santuario de Nª Sr ª de Las Caldas, onde acudiría con frecuencia a realizar exercicios espirituais.

D. Manuel Ramón Arias Teijeiro de Castro, debido á súa mala saúde solicita o Papa Pío XI, a renuncia en 1858, que lle é concedida un ano mais tarde, trasladándose ao Mosteiro de las Caldas en 1859. Sucédelle no bispado de Santander outro galego, Monseñor D. José López Crespo, pontevedrés, que toma posesión o 26 de setembro de 1859.

Falece o 19 de decembro de 1863, aos 83 anos de idade rodeado dos membros da comunidade dos Dominicanos de Las Caldas e do seu familiar o Maestreescuela D. José Iglesias Castañeda, que nunca o abandonou.

Durante o seu maxisterio tivo un gran recoñecemento ao seu labor pastoral, merecendo os maiores eloxios dos seus contemporáneos  "home de frecuente oración.. e por ende de espírito piadoso, manifestándose ata nas accións máis pequeñas". O Padre Reginaldo Conrat, dominicano historiador, na súa Historia de Nª Sr ª de Las Caldas de 1900, referíase a el do seguinte xeito: "prelado modesto de acrisolada virtude, que dirixiu laudablemente a súa diocese, legando ao convento os seus libros e mobles e os ornamentos de altar que posuía, comprando ás súas expensas un reloxo para o coro e facendo unha doazón para o arranxo de órgano". D. Sixto Córdova e Oña, sacerdote a cargo da Igrexa de Stª Lucía dicía do en 1913, con motivo de cumprirse o cincuentenario da súa morte  "Bispo santo de depurada piedade e moita oración, suave no falar, sinxelo e afectuoso, inspiraba profundo amor e respecto. Foi o pastor que merecía Santander naqueles turbulentos días".

Durante o acto litúrxico, interveu a Agrupación Musical Pulso y Púa Fresneda, de Los Corrales de Buelna, que deu un gran realce á cerimonia coa súa intervención.

Cunha foto de familia aos pés do Altar maior da Igrexa da Nª Srª de las Caldas, concluíu o acto de homenaxe coa entrega dunha placa aos monxes do mosteiro alusiva ao aniversario da morte deste insigne bispo de Santander, de ascendencia galega, co desexo de que esta efeméride de 2013, se constitúa nunha homenaxe póstuma das e dos cántabros ao seu prominente labor episcopal, con dedicación absoluta e entrega admirable aos montañeses e montañesas de mediados do século XIX, e cuxos restos descansan nas terras de Cantabria.

A Xunta Directiva do Centro Gallego, en representación da nosa Casa de Galicia en Cantabria, reiterou o agradecemento á comunidade relixiosa do Santuario que permitiu facer esta sinxela e emotiva homenaxe e a todas e todos os asistentes que participaron na cerimonia.

1723 lecturas