A Xunta celebra a decisión da RAG e prepara xa a homenaxe que Galicia lle vai render ao poeta Díaz Castro co gallo do Día das Letras

A Consellería de Cultura e Educación salienta ademais o labor do guitiricense como docente, así como o seu traballo en prol da nosa lingua desde unha poesía que entronca co sentir máis profundo de Galicia como pobo.

Foto: www.poetadiazcastro.com
Foto: www.poetadiazcastro.com
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2013.

A Xunta de Galicia celebrou hoxe a decisión da Real academia Galega (RAG) de dedicar o Día das Letras 2014 a Xosé María Díaz Castro, e traballa xa na homenaxe que todas as galegas e galegos lle van render ao poeta guitiricense o vindeiro ano.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria quere ademais salientar o labor do lucense como docente, así como o seu traballo en prol da nosa lingua propia, tarefa que desenvolveu parella á da defensa do desenvolvemento da nosa terra.

Nado nos Vilares (Guitiriz, Lugo) o 19 de febreiro de 1914 e finado en Lugo o 2 de outubro de 1990, Díaz Castro foi dono dunha voz poética profundamente apegada ao sentir galego como pobo. Os seus versos, afondan nas grandes preguntas do ser humano, desde unha perspectiva intimista e fortemente ligada á natureza da Terra Chá que o viu nacer.

Pertencente á Xeración de 1936, xunto a poetas coma Carvalho Calero, Celso Emilio Ferreiro e Aquilino Iglesia Alvariño, é autor dun único poemario, Nimbos (1961), ademais de de numerosas pezas publicadas desde 1930. Con todo, a súa linguaxe rica e exacta, envolta nun clasicismo exemplar, valeulle ser unha das máis grandes figuras das letras galegas, en palabras de Carvalho Calero, restaurador na nosa literatura a poesía total.

913 lecturas