Cultura e Educación “conmemora a Rosalía nas dúas beiras do Atlántico”

Xesús Vázquez Abad realizou na xornada de hoxe unha ofrenda floral a Rosalía e visitou o Centro Carballiño de Bos Aires.

Xunta de Galicia
Xunta de Galicia
Listen to this page using ReadSpeaker
Bos Aires, 5 de maio de 2013.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acudiu nesta cuarta xornada da súa viaxe oficial a Bos Aires ao parque Rosedal para realizar unha ofrenda floral perante da estatua de Rosalía de Castro, nun ciclo de celebracións e conmemoracións ao redor da poetisa galega ás dúas beiras do Atlántico. Asemade, Vázquez Abad visitou o Centro Partido de Carballiño para coñecer o traballo e as necesidades da entidade e reunirse coa comunidade ourensá na diáspora.

Rosalía de Castro a ambas beiras do Atlántico 
Na mañá de hoxe, o conselleiro de Cultura e Educación realizou unha ofrenda floral perante a estatua de Rosalía de Castro sita no parque Rosedal, no histórico barrio de Palermo. Vázquez Abad lembrou a importancia da conmemoración dos 150 anos da publicación dunha obra capital para Galicia como é, Cantares Gallegos, e “de celebrar 365 días ao ano a obra de Rosalía de Castro do mellor xeito posible, léndoa”. Tamén subliñou o “esforzo esencial que as comunidades galegas na diáspora veñen facendo durante todo este ano para que esta conmemoración rosaliana chegue a todas partes”, “con multitude de actos que suman e axúdannos a construír e difundir a cultura de nós”, rematou.

Cómpre recordar que nesta visita oficial a Bos Aires, Vázquez Abad participou noutra lembranza rosaliana, a ofrecida polo colexio galego-arxentino “Santiago Apóstolo”; e que desde o pasado venres e ata xuño, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ofrece na Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura, Rosalía de Castro. 150.º aniversario de Cantares Gallegos. Unha exposición centrada nesta obra fundamental, coa que se propón un percorrido pola evolución do poemario a través das súas edicións desde 1863 ata a actualidade, de traducións, de propostas críticas, de versións musicais e de diverso material efémero que permiten mergullarse nos seus versos e nas circunstancias que os rodearon nos seus 150 anos de existencia. “Nesta efeméride, desde a consellería de Cultura e Educación traballamos e colaboramos institucionalmente para conmemorar a Rosalía nas dúas beiras do Atlántico”, dixo Vázquez Abad.

Visita ao Centro Partido de Carballiño
No Centro Partido de Carballiño, Vázquez Abad realizou unha visita á institución acompañado pola directiva do centro, encabezada polo seu presidente, Benito Santalices, e saudou aos ourensáns e ás ourensás que estaban na sede, interesándose polo traballo que veñen realizando e as iniciativas futuras. O conselleiro destacou a “importancia deste centro como ponte con Galicia, Ourense e Carballiño e o agarimo que inculcan e cultivan por Galicia, a súa lingua e a cultura.”

No mesmo centro, o conselleiro presidiu un acto de homenaxe ao poeta, intelectual e diplomático Francisco Luís Bernárdez. Trátase Bernárdez dun autor estreitamente vencellado con Galicia, onde traballou como periodista durante os anos vinte do século pasado como redactor en El Pueblo Gallego. Elaborou unha obra literaria amplamente recoñecida na Arxentina, onde obtivo o Premio Municipal de Poesía de Buenos Aires e o Premio Nacional de Poesía, entre outros. O poeta foi ademais un importante dinamizador cultural, mantendo unha intensa relación con autores como Cortázar ou Borges.

938 lecturas