Rodríguez Miranda recibiu á decana do corpo consular en Galicia, a cónsul uruguaia Marta Echarte

O novo secretario xeral viaxa hoxe ao Reino Unido.

  • Rodríguez Miranda recibiu á decana do corpo consular en Galicia, a cónsul uruguaia Marta Echarte
    Rodríguez Miranda recibiu á decana do corpo consular en Galicia, a cónsul uruguaia Marta Echarte
  • Rodríguez Miranda recibiu á decana do corpo consular en Galicia, a cónsul uruguaia Marta Echarte
    Rodríguez Miranda recibiu á decana do corpo consular en Galicia, a cónsul uruguaia Marta Echarte
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2013.

No marco dos seus primeiros contactos institucionais como novo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda recibiu no seu despacho á cónsul xeral da Embaixada da República Oriental do Uruguai en Santiago, Marta Echarte Baraibar, quen asemade é a decana do Corpo Consular na Comunidade Autónoma.

Ao longo da conversa, Echarte puido transmitirlle a Miranda a benvida en nome da diplomacia asentada en Galicia, e de feito estudouse a posibilidade dun encontro en breve de todo o corpo consular afincado aquí co novo máximo responsable de Emigración na Xunta.

Echarte tamén fixo partícipe ao secretario xeral, xa máis concretamente, das inquedanzas do colectivo de nacionais uruguaios e uruguaias residentes na Comunidade Autónoma, moitas e moitos dos cales teñen importantes vinculacións persoais, e mesmo familiares, con Galicia. A cónsul uruguaia tamén tivo oportunidade de comunicar algunhas das actividades desenvolvidas pola súa Embaixada nos últimos meses, así como por diversos colectivos de inmigrantes da súa nacionalidade, un dos grupos máis activos e unidos entre as persoas estranxeiras radicadas en Galicia.

A outra gran vertente da entrevista foi a presentación dalgunhas das actividades previstas por Miranda en Uruguai, país que, xunto á República Arxentina, constituirá a súa primeira viaxe oficial, xa con marcado carácter institucional, que terá lugar nas vindeiras semanas. Esta estadía é un merecido tributo ás dúas nacións que deron acubillo á maior colonia galega emigrada no estranxeiro.

Londres
Encadrado nos primeiros contactos informais que desenvolve Rodríguez Miranda no seo da Unión Europea, e antes da súa viaxe a América do Sur, o máximo responsable autonómico en materia de Emigración viaxa hoxe a Londres para iniciar un primeiro achegamento á colectividade galega asentada no Reino Unido. Neste sentido, na súa primeira estadía na capital británica manterá unha reunión de traballo coa directiva do Centro Galego de Londres, coa finalidade de fixar obxectivos prioritarios de actuación conxunta entre a Administración autonómica e a diáspora afincada naquelas terras.

1604 lecturas