O censo exterior aumenta en Asia e América e redúcese en Europa

A posibilidade de adquirir a nacionalidade española pola lei de memoria histórica sumou 141.680 novos electores e electoras.

Listen to this page using ReadSpeaker

Eleccións ao Parlamento de Galicia 2012.O número de emigrantes galegos e galegas en Europa que poderán exercer o seu dereito ao voto nos comicios autonómicos do próximo 21 de outubro rexistrou un rechamante retroceso. No conxunto do continente a caída é do 2,17%, o que supón unha cifra similar á rexistrada nas autonómicas do 2001.

A baixada máis importante rexístrase en Alemaña, onde terán 1.956 electores e electoras menos en comparación cos datos de hai once anos. É significativo que no país xermano xa hai menos galegos e galegas censados que en Francia (15.906), converténdose o país galo no segundo destino europeo de emigrantes procedentes de Galicia, só por detrás de Suíza. O país helvético segue sendo o principal foco de atracción con 30.123 persoas censadas para as eleccións do 21 de outubro, aínda que son 1.268 menos que no 2001.

Non obstante, este retroceso na diáspora galega non se repite en ningún outro continente. Asia é porcentualmente o continente onde máis se incrementa a presenza galega, ao crecer un 204%, aínda que só suma 627 persoas censadas, a maioría deles en China.

O salto foi espectacular realmente no último decenio en América, ao crecer o censo electoral un 71,2%, con 129.846 novas e novos membros. A posibilidade aberta para adquirir a nacionalidade española pola lei da memoria histórica levou o listado electoral en Arxentina a 141.680 integrantes, 62.291 máis que hai once anos. Porcentualmente o salto aínda ten unhas magnitudes maiores en Cuba, onde poderían votar 27.135 persoas inscritas, un 447% máis que no 2001.

 

Fonte: La Voz de Galicia

911 lecturas