Feijóo: “Con Valle Inclán, Galicia galeguiza o mundo, e o mundo mundializa Galicia”

O titular da Xunta participou, na tarde de onte, en Pontevedra, no acto de entrega dos premios Valle Inclán.

Destaca que o galeguismo de Don Ramón María non consiste en reflectir realidades que só un galego ou unha galega poden compartir, senón en extraer de Galicia vivencias que poden ser compartidas nos lugares máis afastados do mundo.

Di que Valle Inclán léganos unha obra que é coma unha árbore: “ten as raigañas nesta terra de Arousa, en Pontevedra, en Galicia, e abre as súas polas a todas as influencias”.

Resalta que grazas ás persoas premiadas “Valle segue estendendo o seu sopro de liberdade e facendo máis ampla a gran nación do público valleinclanesco”.

  • O presidente da Xunta, durante o acto de entrega de premios. Autora: Ana Varela.
    O presidente da Xunta, durante o acto de entrega de premios. Autora: Ana Varela.
  • O presidente da Xunta, durante o acto de entrega de premios. Autora: Ana Varela.
    O presidente da Xunta, durante o acto de entrega de premios. Autora: Ana Varela.
  • O presidente da Xunta, durante o acto de entrega de premios. Autora: Ana Varela.
    O presidente da Xunta, durante o acto de entrega de premios. Autora: Ana Varela.
Listen to this page using ReadSpeaker

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou, na tarde de onte, en Pontevedra, que con Valle Inclán, “Galicia galeguiza o mundo, e o mundo mundializa Galicia”.

Deste xeito, e durante a entrega dos premios que levan o nome do ilustre escritor, o titular da Xunta subliñou que o galeguismo de Don Ramón María non consiste en reflectir realidades que só un galego ou unha galega poden compartir, senón en extraer de Galicia vivencias que poden ser compartidas nos lugares máis afastados do mundo. “Don Ramón María entra así en sintonía con ese espírito universal que latexa en todos os galegos, e que nos fai ser adiantados e propensos á globalización”, aseverou.

Logo de recoñecer que o mundo de hoxe require identidades abertas, dispostas á mestura e sen medo ao debate; Feijóo afirmou que Valle Inclán sinte a proximidade dese mundo, “e por iso léganos unha obra que é coma unha árbore: ten as raigañas nesta terra de Arousa, en Pontevedra, en Galicia, e abre as súas polas a todas as influencias”.

Así mesmo, Feijóo resaltou a importancia da literatura e o teatro para o ser humano “porque nos permite vivir varias vidas, visitar lugares ubicados na imaxinación e sentirnos comunidade con aqueles que senten o mesmo ca nós. Cada lector que le un libro, cada espectador que asiste a unha representación teatral está formando parte dun país novo, formado por todos os lectores e espectadores”.

O responsable autonómico asegurou que coa literatura e o teatro o ser humano é máis libre; “e por iso –dixo- os ditadores de todos os signos e de todas as épocas, teñen un medo cerval a esa comuñón secreta que se establece entre o creador e o seu público e intentan por todos os medios silencialos ou manipulalos”. Neste sentido, salientou que con Valle Inclán, non o lograron e lembrou que “pasado o tempo, Miguel Primo de Rivera é un apunte nos libros de historia que os estudantes esquecen, mentres que a obra do inmortal arousán está plenamente viva”.

Feijóo concluíu afirmando que dese vigor imperecedoiro poden dar conta as e os premiados. “Grazas á Escola de Teatro Valle-Innova, a Atalaya Teatro e a Teatro del Temple, Valle segue estendendo o seu sopro de liberdade e facendo máis ampla a gran nación do público valleinclanesco”.

1090 lecturas