A Xunta de Galicia e a aeroliña Easyjet presentaron o novo voo directo Santiago-Xenebra, que rerforza a conectividade aérea de Galicia co centro de Europa

A directora xerente de Turgalicia, Carmen Pita, salienta a importancia desta nova conexión para o turismo de reunións e para o de estancias curtas.

O novo enlace, que contará con dúas frecuencias semanais e tres nos meses de xullo e agosto, comezaou a operar o pasado domingo, 15 de maio.

Listen to this page using ReadSpeaker

A Directora Xerente de Turgalicia, dependente da Consellería de Cultura e Turismo, Carmen Pita; o Director Xeral de Mobilidade da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Miguel Rodríguez Bugarín, e o director xeral para España e Portugal de easyJet, Javier Gándara, presentaron o pasado venres en Santiago de Compostela o voo directo que desde domingo, 15 de maio, une a capital de Galicia coa cidade suíza de Xenebra.

Este enlace, que reforzará a conectividade aérea directa do centro de Europa con Galicia, contará con dúas frecuencias semanais e tres nos meses de xullo e agosto. A conexión realizarase a través de avións Airbus 319 con capacidade para 156 pasaxeiros e ampliará as conexións doutros aeroportos internacionais coa comunidade galega.

Durante a súa intervención na rolda de prensa, a directora xerente de Turgalicia manifestou o seu agradecemento á compañía easyJet “por contar con Galicia para establecer unha nova liña aérea”. “Estou segura de que será a primeira de moitas outras”, engadiu.

No ámbito turístico, a directora xerente de Turgalicia salientou a importancia desta conexión aérea para atraer visitantes relacionados co turismo de reunións, o relativo a congresos, convencións e reunións de empresas e colectivos; dada a importancia da actividade empresarial do mercado emisor suízo.

O director xeral de Mobilidade da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Miguel Rodríguez Bugarín, destacou, pola súa banda, que esta actuación do Goberno galego no só se traduce nun apoio ao sector turístico, senón que serve como importante vía de conexión para achegar as empresas galegas aos mercados internacionais, que “trae consigo oportunidades de crecemento económico da comunidade galega”.

Vacación curta
Por outra parte, Carmen Pita, referiuse ao potencial que se abre coa posta en servizo deste voo entre Santiago e Xenebra para o turismo galego no ámbito da vacación curta, as short breaks (estancias curtas, pontes e fins de semana).

Así, para a directora xerente de Turgalicia, as cidades galegas e a súa contorna supoñen un marco ideal para a práctica deste tipo de “escapadas”, sobre todo “agora que contamos co transporte ideal, rápido e accesible economicamente”.

Precisamente, ao obxecto de dar a coñecer esta nova ruta aérea no mercado emisor, a Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, Turgalicia, e a compañía easyJet, asinaron un acordo para a difusión dos valores turísticos de Galicia no portal web da compañía aérea, así como outras accións de mercadotecnia entre o público xeral que vincularán o turismo da comunidade galega con esta nova ruta. Estas accións, que se desenvolverán no segundo semestre de 2011, inclúen e-mailing, publicidade on-line e off-line.

Galicia exterior
Durante a presentación da nova conexión entre Santiago e Xenebra, a directora xerente de Turgalicia, Carmen Pita, referiuse tamén a comunidade de galegos que reside en Suíza como unha das grandes beneficiadas por esta conexión.

“A Xunta de Galicia -manifestou- no seu inequívoco compromiso coa súa diáspora, está feliz de estrear este voo, porque non nos esquezamos que as accións do Goberno galego, canalizadas a través de Turgalicia, pero en representación de varios departamentos, perseguen a meirande afluencia de visitantes, pero tamén a mellor calidade de vida dos galegos, e neste caso dunha mellor mobilidade en tempo e custo para os negocios e para o ocio”.

Pola súa parte, o director xeral para España e Portugal de easyJet, Javier Gándara, sinalou que a súa compañía sempre dedica moito tempo a analizar a viabilidade dunha ruta antes de abrila, xa que “si imos a algún sitio é para quedarnos”. Para Gándara, a conexión Santiago-Xenebra comeza a operar este domingo é unha aposta que vai permitir transportar pasaxeiros cun gran capital de negocios.

Foto: Galicia Hoxe

1390 lecturas