Coa finalidade de axilizar a tramitación e facilitar a viaxe aos beneficiarios e beneficiarias de programas con desprazamento xeográfico, Emigración ten xa convocados os programas de investimento social para 2015

A contía de todas estas accións xa convocadas supera os cinco millóns e medio de euros.

En total, destínanse máis de tres millóns de euros en axudas das que son individualmente beneficiarios galegos e galegas do Exterior.

Ningunha outra Comunidade Autónoma acada o nivel de compromiso de Galicia coa súa xente do Exterior.

Preto de 10.000 familias con maiores ao seu cargo en situación precaria, galegas e galegos da diáspora, reciben axuda directa do departamento que dirixe Rodríguez Miranda.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2015.

A Secretaría Xeral da Emigración, que dirixe Antonio Rodríguez Miranda, ten xa convocados tódolos programas de investimento social para o ano 2015, de maneira que a tramitación administrativa se poida axilizar respecto de edicións pasadas, e que por tanto a planificación da viaxe -nos programas que requiren desprazamento xeográfico- resulte máis cómoda para as e os beneficiarios.

Así, o DOG xa ten publicado o 22 de xaneiro a convocatoria das axudas económicas individuais para residentes; o 28 de xaneiro as subvencións en favor das entidades galegas para actuacións sociais, de xuventude, formativas e culturais; o 2 de febreiro para a participación en ‘Conecta con Galicia’; o 4 para ‘Escolas Abertas’; o 11 para ‘Reencontros na Casa’ (esta modalidade ten lugar no mes de xuño); o 16 as axudas xerais para emigrantes galegas e galegos retornados; o 19 para os obradoiros de folclore, artesanía, cociña e seminarios de cultura galega; e o 24 para axudas de emerxencia social por razóns de interese asistencial ou humanitario.

Ese mesmo día 24 de febreiro, saíu publicada a convocatoria para as subvencións de apoio á infraestrutura e adquisición de equipamentos para as comunidades galegas do Exterior (que inclúen melloras para a prestación social e asistencial); e o 6 de marzo, as subvencións de promoción de autoemprego e actividade emprendedora para persoas emigrantes retornadas.

Orzamento social
A maior partida das contas da Secretaría Xeral da Emigración destínase ás axudas para persoas físicas en situación de precariedade: 2.175.000 euros entre axudas económicas individuais, axudas extraordinarias para persoas emigrantes retornadas, e axudas de emerxencia social (por causa sobrevida).

No que atinxe a axudas directamente concedidas a particulares, hai que sumar a esta cantidade a destinada aos programas ‘Conecta con Galicia’, ‘Escolas Abertas’ e ‘Reencontros’, os obradoiros e seminarios, e mailas axudas ao retorno para actividade emprendedora. En total, Emigración supera amplamente os tres millóns de euros en axudas das que son directamente beneficiarios os galegos e galegas residentes no Exterior.

A estas axudas directas, cómpre aínda engadir outra liña de axuda para os cidadáns e cidadás da diáspora en situación máis vulnerable: as dúas convocatorias que teñen como beneficiarias inminentes as comunidades galegas, pero coa finalidade de prestar servizo aos residentes no estranxeiro. Para gastos de funcionamento dirixidos a fins sociais, asistenciais e culturais, 900.000 euros; e para apoio de infraestrutura e adquisición de equipamentos, 500.000.

Ademais, a Secretaría Xeral, en colaboración coa Consellería de Traballo e Benestar, destina 530.000 euros a acordos con entidades que desenvolven servizos sociosanitarios e asistenciais (hospitais, centros de día e residencias para maiores) en países onde estas coberturas non están suficientemente garantidas a persoas con escaseza de recursos, de maneira que con estes cartos sufrágase parte do investimento necesario para atender ás persoas beneficiarias deste labor.

Sen comparación
Así, e en total, o investimento social directo do departamento que dirixe Antonio Rodríguez Miranda ascende ata os cinco millóns e medio de euros. Ningunha outra Comunidade Autónoma acada ese nivel de compromiso coa súa xente residente no estranxeiro, o que dá fe da aposta polo carácter social do orzamento na actuación que desenvolve o Goberno galego para as súas e os seus cidadáns no Exterior.

Os e as maiores son prioritarios nese compromiso sen comparación por parte de Galicia. As persoas de idade avanzada son beneficiarias de máis da metade dos orzamentos efectivos (presuposto total agás persoal) totais dos que disporá Emigración para 2015, tanto a través das preto de 8.000 axudas económicas individuais que reciben nos diferentes países onde residen, como dos programas específicos para o seu achegamento a Galicia, ou a colaboración a través das entidades que prestan axuda socioasistencial dirixida ás e aos máis desfavorecidos. Todo iso suma unha partida de en torno aos 3 millóns de euros, con beneficio directo para unhas 10.000 familias, conformadas por uns 30.000 individuos.

Na Terra
A única excepción neste calendario de adiantos dos prazos administrativos que se desenvolve na Secretaría é o subprograma ‘Reencontros na Terra’, que ten lugar en outubro, e cuxa anticipación aos dous primeiros meses do ano suporía un dobre prexuízo: un tempo demasiado prolongado entre a convocatoria e a realización da viaxe, e posibles dificultades técnicas para as empresas ofertantes no concurso público de adxudicación.

1241 lecturas