A Xunta anima ás colectividades galegas do exterior a sumar esforzos para seren máis fortes e solventes

O vicepresidente da Xunta e o secretario xeral da Emigración participaron hoxe en Vitoria na celebración do Día de Galicia en Euskadi.

Poñen como exemplo de unidade esta celebración anual conxunta de todas as comunidades galegas no País Vasco.

  • Alfonso Rueda e Antonio Rodríguez Miranda no Día de Galicia en Euskadi
    Alfonso Rueda e Antonio Rodríguez Miranda no Día de Galicia en Euskadi
  • Alfonso Rueda e Antonio Rodríguez Miranda no Día de Galicia en Euskadi
    Alfonso Rueda e Antonio Rodríguez Miranda no Día de Galicia en Euskadi
  • Alfonso Rueda e Antonio Rodríguez Miranda no Día de Galicia en Euskadi
    Alfonso Rueda e Antonio Rodríguez Miranda no Día de Galicia en Euskadi
Listen to this page using ReadSpeaker
Vitoria, 29 de xuño de 2014.

O vicepresidente da Xunta e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, e o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, presidiron hoxe en Vitoria a celebración do Día de Galicia en Euskadi, onde animaron ás colectividades galegas no exterior a sumar esforzos para ser máis fortes e solventes e ofrecer mellores resultados ás e aos seus membros.

Nese sentido, citaron esta celebración en Vitoria como un exemplo de unidade e de cooperación da colectividade galega no exterior. O Día de Galicia en Euskadi é unha celebración anual compartida por todas as comunidades galegas no País Vasco, que rota cada ano o seu lugar de celebración, e que organiza a Irmandade de Centros Galegos en Euskadi, que preside Pilar Rodríguez.

Foi precisamente durante a celebración do anterior Día de Galicia en Euskadi, en Santurce en 2013, que abriu as súas portas a área expositiva Galicia, Pórtico Universal, infraestrutura sinxela e versátil para a promoción exterior da Comunidade Autónoma, que desde aquela ten percorrido diversas cidades en España e Europa, e que no vindeiro mes de setembro dará por vez primeira o salto ao outro lado do Atlántico. Este ano, por segundo consecutivo, está presente na gran celebración da diáspora galega residente no País Vasco.

Nas súas primeiras andainas neste 2014, e antes de recalar estes días en Vitoria, Galicia, Pórtico Universal ten xa chamado a atención de milleiros de residentes e turistas nos portos de Barcelona e Hamburgo. Nesta cidade alemá, ademais, recibiu a visita do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, mentres que hoxe fixeron o propio en Vitoria o vicepresidente do Goberno galego e o secretario xeral da Emigración.

A mellor Galicia
A área inclúe unha exposición de artesanía galega, mostras de produtos alimentarios galegos non perecedoiros con denominación de orixe ou marca de calidade, demostracións en vivo de actividades artesás galegas, cadansúa área de información de Turgalicia e Xacobeo, e unha aula profesional de cata. Este ano, ademais, inclúe como novidade salientable diversas expresións culturais adaptadas a cada cidade visitada, e tamén a venda de produtos de cadanseu consello regulador dos produtos agroalimentarios amparados por denominación de orixe ou indicativo xeográfico protexido que participan na iniciativa.

887 lecturas