Rueda preside este domingo en Vitoria a celebración do “Día de Galicia en Euskadi” coa presenza de Galicia, Pórtico Universal

Canda o vicepresidente da Xunta, o secretario xeral da Emigración estará asemade presente na celebración anual conxunta de tódalas comunidades galegas no País Vasco.

‘Galicia, Pórtico Universal’ cumpre a resolución do Parlamento autonómico para a posta en marcha dun plan de actuación para a promoción exterior, e neste 2014 xa ten visitado Cataluña e Alemaña.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2014.

O vicepresidente da Xunta e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, e mailo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, presiden esta fin de semana en Vitoria o “Día de Galicia en Euskadi”. Trátase dunha celebración anual compartida por tódalas comunidades galegas no País Vasco, que rota cada ano o seu lugar de celebración, e que organiza a Irmandade de Centros Galegos en Euskadi, que preside Pilar Rodríguez.

Durante a celebración do anterior Día de Galicia en Euskadi, en Santurce e no 2013, abriu as súas portas por vez primeira en solo español a área expositiva “Galicia, Pórtico Universal”, infraestrutura sinxela e versátil para a promoción exterior da Comunidade Autónoma, que desde aquela ten percorrido diversas cidades en España e Europa, e que no vindeiro mes de setembro dará por vez primeira o salto ao outro lado do Atlántico. Este ano, por segundo consecutivo, está presente na gran celebración da diáspora galega residente no País Vasco.

Nas súas primeiras andainas neste 2014, e antes de recalar estes días en Vitoria, “Galicia, Pórtico Universal” ten xa chamado a atención de milleiros de residentes e turistas nos portos de Barcelona e Hamburgo. Nesta cidade alemá, ademais, recibiu a visita do Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Colaboración coa diáspora
Para o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, a presenza por segundo ano en Euskadi de “Galicia, Pórtico Universal” demostra “a capacidade e eficiencia na unión de esforzos entre distintos departamentos administrativos, optimizando os recursos, así como a posibilidade mesmo de tender pontes de colaboración con outras administracións. Pero, ante todo, pon de relevo a profunda vontade de colaboración das comunidades galegas co progreso e desenvolvemento de Galicia, e a capacidade asombrosa das mesmas para facer atractiva a súa terra ante os ollos dos seus respectivos veciños”.

A área inclúe unha exposición de artesanía galega, mostras de produtos alimentarios galegos non perecedoiros con denominación de orixe ou marca de calidade, demostracións en vivo de actividades artesás galegas, cadansúa área de información de Turgalicia e Xacobeo, e unha aula profesional de cata. Este ano, ademais, inclúe como novidade salientable diversas expresións culturais adaptadas a cada cidade visitada, e tamén a venda de produtos de cadanseu consello regulador dos produtos agroalimentarios amparados por denominación de orixe ou indicativo xeográfico protexido que participan na iniciativa.

Por iniciativa da Secretaría Xeral da Emigración, en colaboración coa Consellería do Medio Rural e do Mar, a Axencia Turismo de Galicia, e a Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, dependente da Consellería de Economía e Industria, púxose en marcha este proxecto, que ten coma obxectivo a promoción de produtos de orixe galega, así como Galicia en xeral como referente turístico e de investimento pola alta calidade de tódolos seus servizos, aproveitando as diferentes actividades que os centros galegos realizan por diferentes motivos ao longo do ano. Deste xeito, as galegas e os galegos da diáspora actúan como embaixadores e embaixadoras da promoción da calidade de Galicia e os seus produtos.

España, Europa, e en setembro América
Con “Galicia, Pórtico Universal” o Goberno galego cumpre a resolución do Parlamento de Galicia do último debate sobre o Estado da Autonomía. Nesa resolución, a cámara autonómica instaba á Xunta a que “elabore, impulse e execute un plan de promoción de Galicia, en colaboración coas Comunidades Galegas no exterior. Dito plan articulará as medidas de colaboración da Xunta coas comunidades galegas, cara ás sociedades nas que estean encravadas, para a promoción dos produtos agroalimentarios, do mar, da acuicultura, da artesanía, así como de Galicia en xeral como destino turístico, nomeadamente na divulgación do Camiño de Santiago”.

A área comezou o seu periplo cunha saída internacional, en maio de 2013, a Frankfurt, coincidindo coa Semana Cultural Galega da capital financeira alemá. O seguinte fito foi precisamente o Día de Galicia en Euskadi, que se celebraba o pasado xullo en Santurce. A súa terceira etapa foi Barcelona, xa en setembro de 2013, no decurso das Xornadas Empresariais, Culturais e Gastronómicas de Galicia en Cataluña. Na cuarta viaxe, a área tomou terra na Plaza Nueva de Sevilla, auténtico corazón da capital andaluza, coincidindo co V Encontro de Casas Rexionais e Provinciais en Sevilla, organizado polo propio Concello hispalense, e que en 2013 se dedicaba a Galicia. Foi a primeira ocasión en que recibiu a visita do Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen neste 2014 repetiu experiencia en Hamburgo.

981 lecturas