Ourense acolle a comisión delegada do Consello das Comunidades Galegas

A reforma da Lei de Galeguidade será un dos eixos da xuntanza anual do máximo órgano permanente de representación da diáspora.

Listen to this page using ReadSpeaker
14 de decembro de 2011.

O secretario xeral da Emigración, Santiago Camba, preside mañá xoves en Ourense a xuntanza da Comisión Delegada do Consello das Comunidades Galegas. Os dezaseis membros da mesma serán ademais recibidos en audiencia o venres polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo.

Na xuntanza verase o informe xeral de actividades presentado polo propio Camba, e tamén un informe específico sobre a a reforma da Lei da Galeguidade, proxecto que se pretende debata o Parlamento de Galicia no máis breve prazo posible de tempo. Tamén se verán os asuntos que se deben tratar no plenario do Consello das Comunidades Galegas o vindeiro ano 2012, e finalmente haberá unha rolda de intervencións libres, onde os membros da Comisión poderán reflectir as súas achegas e opinións sobre os temas de actualidade da diáspora.

A Comisión está composta por 16 membros. Dous sono por razón do seu cargo: presidente da Xunta e secretario xeral da Emigración. Outros dous son membros permanentes: un do Centro Gallego de Buenos Aires, e outro da Casa de Galicia de Montevideo, polas respectivas importancias histórica e numérica na diáspora destes dous centros senlleiros. E os outros doce membros son electos: catro representantes dos centros do resto de España, catro dos do resto de Europa, e os outros catro dos centros de América. En tódolos casos, e como marca a normativa, os centros han estar inscritos no Rexistro de Comunidades Galegas.

A Comisión Delegada funciona como órgano permanente entre plenarios do Consello das Comunidades Galegas, e reúnese anualmente. A última xuntanza tivo lugar o pasado 12 de agosto de 2010. Neste 2011, foi vontade da Secretaría Xeral da Emigración evitar que a súa xuntanza puidese ter interferencias de carácter electoral, polo que a data de celebración foi fixada con posterioridade ás eleccións do 20-N.

O Consello
O Consello das Comunidades é o órgano representativo dos emigrantes galegos, da Galicia do exterior. Con carácter deliberante e funcións consultivas, a última reunión do seu plenario –que, por norma debe celebrarse cada tres anos- tivo lugar en Montevideo en decembro de 2009, polo que ao longo do 2012 deberá levarse a cabo a seguinte reunión plenaria.

1090 lecturas