«Para min, ser galega é un orgullo»
Entrevista coa responsable do sistema educativo de Nova York publicada no xornal 'La Voz de Galicia'.
Defende que os nenos e as nenas coñezan distintas culturas: «Non todo é branco ou negro».
Seguro que Carmen Fariña, Carmiña, foi unha mestra simpática, cariñosa, preocupada polos seus alumnos, brillante e que, á vez, conseguía que os seus alumnos fosen disciplinados. Agora Fariña é outra cousa. Esta muller de 72 anos, chea de enerxía e que non deixa de sorrir nin un instante é a responsable do sistema educativo de Nova York, que é o maior de Estados Unidos e un dos máis grandes do mundo, cun millón cen mil estudantes. Fariña acompañou á raíña Letizia nunha visita a escolas do Bronx. Á pregunta de se coñecía antes a Raíña responde: «Eu? Claro que non, de que a ía coñecer?. É moi simpática e moi intelixente. Notábase que se preparara ben. Preocúpalle, sobre todo, a educación dos máis novos».
-Cal é a súa relación con Galicia?
-Os meus pais eran galegos. O meu pai de Sada e a miña nai de Vilaboa. Viñeron a Nova York de mozos, o meu pai aos 17 ou 18 anos. A miña nai, un pouco máis vella. E eu nacín aquí pero na casa sempre falabamos español.
-Non falaban galego?
-Entre eles si falaban en galego. Connosco, castelán. Os segredos entre eles sempre eran en galego. Así que para saber o que falaban os meus pais eu aprendín galego, non a falalo pero si enténdoo. Aos once anos mandáronme por primeira vez a Galicia. Sacrificáronse moito porque non había diñeiro. Mandáronme en barco e levoume dez días chegar. Era un cargueiro que levaba café. Cando saín, apestaba a café. En Galicia estaban os meus avós, os meus tíos e tías, e os meus curmáns, pero eu non coñecía a ninguén. Estiven tres meses soa sen a miña familia de aquí, pero paseino de marabilla. Entón Sada era un pobo de pescadores, na casa da miña avoa non había baño, non había ducha, non había nada. Non esquecerei nunca aquel verán. Coñecín as miñas raíces. E deixoume ganas de volver durante toda a miña vida.
-E seguiu indo?
-Volvín co meu marido, que tamén é fillo de galegos pero que non estivera nunca alí. E despois diso xa fomos case todos os veráns. Hai vinte e cinco anos que compramos un apartamento en Sada. Fun coas miñas fillas e cos meus netos. Este verán fomos pouco tempo, porque este traballo non me deixa. Aínda teño moita familia en Sada. Para min ser galega é un orgullo. Falo español con acento galego. E moitas palabras sáenme galegas. É un orgullo coñecer dous idiomas, pero sobre coñecer dúas culturas. Sabes? Na miña casa en Brooklyn sempre se leu La Voz de Galicia. O meu tío en Sada gardaba o xornal durante catro semanas e mandáballo ao meu pai todos os meses. Era a fórmula que usaban os meus pais para seguir conectados con Galicia. Interesáballes todo, pero os primeiro que lían eran as necrolóxicas.
-Fáleme do traballo á fronte da educación neoiorquina?
-Poder cambiar un sistema como o de Nova York que coñezo moi ben por dentro, e facelo cun alcalde que está de acordo comigo é unha oportunidade impagable.
-Cando o alcalde a nomeou houbo grande alegría na cidade...
-Fun mestra, fun directora de escola. Os que están dentro do sistema saben que antes fixen o mesmo ca eles. E é que creo que é un erro, non só de Nova York senón de todo Estados Unidos, poñer á fronte do sistema a un avogado, un CEO ou un experto en negocios, á fronte de educación deben estar alguén que entenda a educación, como aprenden os nenos.
-Quere implicar os pais, mellorar escolas de zonas desfavorecidas e velar polas necesidades sociais e sanitarias.
-E que os nenos falen dous idiomas ou polo menos coñezan dúas culturas porque te permite entender que non todo é branco ou negro, tamén hai gris.
Fonte e foto: La Voz de Galicia
Novas relacionadas




