A Xunta colabora con Farmamundi para atender as necesidades básicas de saúde da poboación sursudanesa desprazada a Uganda

A axuda estará destinada a dotar de medicamentos a tres hospitais do distrito de Adjumani e beneficiará a unhas 1.500 persoas, especialmente nenos e nenas e embarazadas.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2014.

A Vicepresidencia da Xunta, en colaboración coa ONGD Farmamundi, participa nunha intervención de emerxencia para atender as necesidades básicas de saúde da poboación sursudanesa desprazada a Adjumani (Uganda), por mor do conflito que está a vivir Sudán do Sur.

En concreto, o Goberno galego destinará algo máis de 10.000 euros que permitirán dotar de insumos médicos, especialmente medicamentos, a tres hospitais da zona. Esta intervención beneficiará como mínimo a 1.500 persoas, priorizando a nenas e nenos menores de cinco anos e mulleres embarazadas ou lactantes.

Sudán do Sur é o Estado máis novo do mundo e está a experimentar a peor crise desde a súa independencia fai dous anos. A pesar da sinatura dun acordo de cese das hostilidades a finais de xaneiro, os ataques e enfrontamentos persisten, polo que continúan os desprazamentos internos masivos e a saída de poboación cara aos países veciños.

Así, dende o comezo do conflito, un total de 78.000 persoas, na súa maioría mulleres e nenos, teñen chegado a Uganda. A maior concentración de persoas está actualmente no Centro de Tránsito de Dzaipi, no Distrito de Adjumani; un centro que foi deseñado inicialmente para acoller a 4.000 persoas e no que actualmente hai rexistradas máis de 35.000 persoas en condicións moi precarias e con importantes riscos para a súa saúde.

Esta actuación de emerxencia enmárcase dentro do acordo de colaboración que manteñen a Xunta e Farmamundi co obxecto de atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano, mediante a provisión inmediata de bens e servizos esenciais para a supervivencia, como auga, abrigo, medicamentos, atención sanitaria u outro material de primeira necesidade.

En febreiro deste ano a Vicepresidencia renovou o convenio con Farmamundi para este tipo de actuacións, cunha achega de 50.000 euros cos que se atende especialmente aos colectivos máis vulnerables en países e poboacións de menor Índice de Desenvolvemento Humano. Desde o inicio desta colaboración, no ano 2009, o Goberno galego ten achegado 160.000 euros á ONG para realizar todo tipo de intervencións de emerxencia.

Así, ao longo destes anos, Xunta e Farmamundi teñen activado este tipo de resposta inmediata -e coordinada coa AECID- ante diferentes emerxencias acaecidas, como o tifón Ketsana en Filipinas, o furacán Ida no Salvador, o terremoto e a epidemia de cólera en Haití, a crise humanitaria en Somalia e a República Democrática do Congo, as emerxencias por mor das choivas no Salvador e Nicaragua a crise alimentaria no Sahel, ou o conflito en Siria.

Ademais, no que vai deste ano xa se puxeron en marcha outros tres operativos de resposta para a atención das crises humanitarias derivadas dos conflitos en Siria, Malí e para brindar atención sanitaria aos sursudaneses desprazados en Kenia.

699 lecturas