A Xunta colaborará con ACNUR e Farmacéuticos Mundi en actuacións de acción humanitaria e emerxencias

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza vén de asinar dous acordos de colaboración con ACNUR e con Farmacéuticos Mundi para o desenvolvemento de diversos proxectos relacionados con actuacións de acción humanitaria e emerxencias.

Listen to this page using ReadSpeaker

O obxecto do convenio con ACNUR é contribuír ao proceso de protección internacional dos refuxiados sudaneses no este do Chad, fortalecendo a xestión sostible dos sistemas de auga potable existentes e ás novas infraestruturas a través da capacitación dos comités de auga. Polo que durante todo o ano 2011, os refuxiados sudaneses nos campos de Iridimi e Toulom, terán acceso sostible a auga potable de calidade, en cantidades suficientes para o seu consumo, hixiene e para uso doméstico.

O importe da subvención por parte da Xunta é de 25.000 euros. O goberno galego leva asinando acordos coa Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados dende o ano 2008, para levar adiante proxectos de acción humanitaria en apoio ás persoas refuxiadas, polo que posteriormente asináronse acordos para actuacións no Chad, Somalia e Uganda.

Pola súa banda, o convenio con Farmacéuticos Mundi ten como finalidade realizar actuacións para atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofe, con especial énfase nos colectivos máis vulnerables, mediante a provisión inmediata de bens e servizos básicos de supervivencia; así como paliar o sufrimento das poboacións afectadas por crises de longa duración, con énfase nos países e poboacións con menor índice de Desenvolvemento Humano (IDH).

Con este obxectivo a Xunta achegará 30.000 euros. O goberno galego leva firmado dous convenios con Farmamundi nos anos 2009 e 2010, que permitiron dar resposta inmediata e coordinada coa Axencia Española de Cooperación ao Desenvolvemento (AECID) a emerxencias acaecidas en Filipinas (tifón Ketsana), Salvador (furacán Ida) e Haití (terremoto e epidemia de cólera). Ademais, tamén permitiron dotar materialmente un fondo de emerxencias para ter a disposición permanente material de resposta para atender emerxencias que poidan acaecer, no centro loxístico da entidade en Valencia.

Estes dous acordos enmárcanse dentro do II Plan Director de Cooperación Galega 2010-2013, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia, onde se identifica a acción humanitaria como unha prioridade sectorial dentro da cooperación, a exercitar ben de forma directa ou ben a través dos diferentes actores de cooperación.

1400 lecturas