Unha pica ourensá en Flandes
Marchou hai anos cunha bolsa e xa é profesora universitaria.
Nunca pensou que o seu futuro estivese en Bélxica, pero agora non pensa en volver á súa terra. A Patricia Losada Pérez (Ourense, 1981), o destino, e o seu talento, fórona levando por un camiño que nunca planificou e que a sitúa na cidade de Hasselt, onde aos seus 32 anos xa conseguiu unha praza de profesora. Ademais é membro investigador do departamento de Termofísica da Universidade Católica de Leuven e do Instituto de Materiais da Universidade de Hasselt.
Antes estudara no colexio Padre Feijoo-Zorelle ata 1999. Ese mesmo ano empezou a carreira de Física na Facultade de Ciencias do campus provincial, que rematou con premio extraordinario no ano 2004. En 2005 obtivo unha bolsa do Ministerio de Educación para realizar un doutorado en termodinámica durante o cal realizou unha estanza na Universidade Católica de Lovaina.
En maio de 2009 doutorouse en Física e deseguida lle chegou unha oportunidade laboral. Apenas dous meses despois a Universidade Católica de Lovaina ofreceulle traballar no departamento de Termofísica como investigadora postdoutoral. «Funme porque me xurdiu esa oportunidade antes de doutorarme e pensei que vivir no estranxeiro unha tempada e traballar nunha universidade con tanta tradición como a Católica de Leuven sería unha experiencia enriquecedora», asegura.
«A verdade é que nunca sentira especial interese por Bélxica, país do que só coñecía a súa monarquía, a súa escola de pintura flamenca, o seu chocolate e a súa cervexa. Cando cheguei apenas recordaba que, a pesar de ser un país tan pequeno, existen tres linguas oficiais (francés, flamenco e alemán) e que hai grandes diferenzas entre as dúas comunidades maioritarias (francesa e flamenca). Non podía imaxinarme que nun futuro non moi afastado Bélxica sería o meu lugar de residencia e a miña segunda casa», lembra agora.
A súa primeira pica en Flandes púxoa Patricia na cidade de Leuven (Lovaina), onde realizou a súa estanza doutoral. «É unha cidade cunha tradición universitaria de máis de 500 anos que está chea de bicicletas que en España serían consideradas peza de museo, aínda que funcionen. A perda da túa bicicleta, ben por roubo ou porque a policía llas leva se están mal aparcadas, está á orde do día. En catro anos eu xa tiven seis».
Con 42.000 estudantes, das e dos cales 4.000 son de doutorado, moitas e moitos deles estranxeiros, Patricia tivo alí a oportunidade de facer un multicultural grupo de amizades que aínda conserva.
En Hasselt, cidade na que recaeu posteriormente, culminou a súa adaptación e, de paso, puido coñecer curiosos rituais. «Cada ano celébrase o festival Hasselts Genever Feest no que unha pequena fonte no centro da cidade bota xenebra en lugar de auga durante dúas horas. É moi interesante e divertido ver o ritual da conversión de auga en xenebra. Outra cousa que me encanta é saír de traballar en decembro e ir a tomar un gluehwein (viño quente) cos compañeiros ao mercado. É algo así como ir de tapas pero máis entrañable», asegura.
Fonte e foto: La Voz de Galicia
Novas relacionadas




