18 de Decembro, Día Internacional da Persoa Migrante
"[...] Moitas delas foxen de condicións de vida difíciles pero rematan enfrontándose a problemas aínda maiores, como as violacións dos dereitos humanos, a pobreza e a discriminación. Non obstante, estas e estes emigrantes albergan máis que medo e incerteza; posúen tamén esperanzas, valentía e a determinación de lograr unha vida mellor".
Ban Ki-Moon, Secretario Xeral da ONU.
O 4 de decembro de 2000 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas, ante o aumento dos fluxos migratorios no mundo, proclamou o Día Internacional da Persoa Migrante (resolución 55/93). Dez anos atrás, nese mesmo día en 1990, a Asemblea xa adoptara a Convención internacional sobre a protección dos dereitos de todas e todos os traballadores migratorios e das e dos seus familiares (resolución 45/158).
Os Estados Membros da ONU, así como organizacións intergobernamentais e non-gobernamentais, celebran este Día Internacional difundindo información sobre os dereitos humanos e liberdades fundamentais das persoas emigrantes, o resultado das súas experiencias e novas medidas que poden implementarse para protexelas.
Os 132 Estados Membros que participaron no Diálogo de alto nivel sobre a migración internacional e o desenvolvemento, que levou a cabo a Asemblea Xeral os días 14 e 15 de setembro de 2006, reafirmaron varias mensaxes esenciais. En primeiro lugar, que a migración internacional é un fenómeno en aumento que pode contribuír de forma positiva ao desenvolvemento dos países de orixe e os países de destino, sempre e cando se avale con políticas axeitadas. En segundo lugar, que o respecto dos dereitos e as liberdades fundamentais de todas e todos os emigrantes é fundamental para obter os beneficios destas migracións. E finalmente, que é necesario fortalecer a cooperación internacional en materia de migración internacional a nivel bilateral, rexional e global.
Novas relacionadas




