Máis de 200 quilos de castañas de Verín en Sabadell
O Centro Galego da localidade catalá celebrou o seu tradicional magosto.
O Centro Galego Nós, de Sabadell, acolleu un ano máis a tradicional festa do Magosto na que se consumiron máis de 200 quilos de castañas chegadas dende Verín. A tradicional festa da cultura galega ten unha grande acollida na comunidade catalá e todos os socios e socias da entidade achegáronse para gozar do ambiente festivo e degustar as castañas galegas.
O alcalde da localidade, Manuel Bustos, non quixo perderse o acto. Xunto a el tamén participaron o síndic municipal de Greuges, Josep Escartín, representantes de diversos grupos municipais e entidades culturais e rexionais da cidade, así como responsables locais dos corpos de seguridade.
O presidente do Centro Galego Nós, Manuel Vázquez, explicou que «a pesar da crise, as entidades culturais teñen que continuar activas, mantendo a actividade». E engadiu que «axustamos os nosos gastos, pero continuamos e continuaremos estando presentes na vida cultural de Sabadell, porque tanto Galicia coma Sabadell o merecen».
Novas relacionadas




