Agarimos, un oasis galego que cumpre 15 anos en Badalona

A asociación da cidade catalá celebrou esta fin de semana a súa festa anual.

Listen to this page using ReadSpeaker

Ao longo deste fin de semana pasado, un anaco de Galicia trasladouse a Badalona grazas ao labor que alí desempeña a Agrupación Cultural Galega Agarimos. A punto de cumprir 15 anos de vida, este colectivo -un dos máis novos de Cataluña- celebrou a décimo cuarta edición da súa Festa Galega, que se desenvolve no parque Turo d´en Cartig da cidade catalá e que estaba aberto tanto aos socios da entidade coma ao resto de cidadáns e cidadás que quixesen gozar dos praceres da cultura galega. Gastronomía da terra, música tradicional, unha orquestra coruñesa, unha charanga e unha gran queimada gratuíta formaron o programa.

En Badalona, con máis de 2.000 emigrantes galegos e galegas -a maioría procedentes das provincias de Lugo e Ourense-, non existía ningunha asociación cultural galega ata a creación de Agarimos. Actualmente reúne un total de 500 socios e socias entre emigrantes de Galicia, moitos dos seus fillos e fillas xa nacidos na cidade catalá, e outras persoas. Para moitos e moitas dos socios e socias non resulta doado estar lonxe da súa terra, e ter un lugar onde reunirse cos seus paisanos e paisanas é unha forma de sentirse como na casa: «A morriña lévase mellor no seo da asociación. Cando chega o fin de semana -que é cando realizamos máis actividades xuntos- ata parece que desaparece», di Aida González Cardoso, representante de Agarimos.

A agrupación organiza o terceiro domingo de cada mes unha feira do polbo. «É un evento que non só está atraendo xente da cidade, senón que detectamos que hai os que se desprazan dende o sur de Francia para gozar da nosa gastronomía», indica González.

Como a maioría das entidades similares repartidas por todo o mundo, Agarimos imparte cursos ligados á música tradicional ofertando clases de gaita, percusión, pandeireta e canto, das que posteriormente se nutren os seus grupos musicais.

Tamén organizaron un curso de iniciación ao galego co fin de difundir o seu uso entre os socios e as socias máis novos -moitos e moitas dos cales naceron en Badalona- "e a maioría se apuntaron, o que nos leva a resaltar o interese destes por coñecer a nosa lingua", explican as persoas responsables.

 

Fonte: La Voz de Galicia | Foto: La Voz de Galicia               

1273 lecturas