Feijóo expresa o seu pesar polo pasamento de Xaime Isla Couto, “un infatigable impulsor da construción cultural de Galicia”
O presidente da Xunta lamenta a perda do intelectual e galeguista, que “concibiu o seu traballo como unha tarefa colectiva a prol do ben común e do avance da nosa terra” .
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, lamentou onte o falecemento do intelectual e galeguista Xaime Isla Couto, e trasladoulle o seu pesar, en nome do pobo galego, á súa familia e persoas achegadas. En palabras do presidente, a personalidade de Xaime Isla representa “un dos piares nos que se asentou a construción cultural de Galicia durante o último século”.
O mandatario galego lembrou que do impulso deste economista galego xurdiron algúns dos principais proxectos concibidos para o progreso social de Galicia, como a creación da Editorial Galaxia, así como doutras fundacións e iniciativas culturais, entre as que destaca a Revista de Economía de Galicia, da que foi fundador e director.
Labor constante a prol da construción de Galicia
Feijóo salientou o valor do seu labor constante a prol da construción de Galicia en campos moi diversos, desde a introdución dunha nova perspectiva galega para a economía, pasando polo impulso da lingua galega en ámbitos como o empresarial ou o da liturxia. En palabras do presidente da Xunta, Isla Couto foi “un incansable impulsor do progreso da nosa cultura”.
O xefe do Goberno galego tamén destacou o modelo que constitúe para a sociedade actual “esta xeración de intelectuais da que Isla Couto formou parte, que concibiron o seu traballo como unha tarefa colectiva a prol do ben común e do avance de Galicia”.
Como recoñecemento á súa traxectoria e en agradecemento polo seu firme compromiso co desenvolvemento sociocultural de Galicia, o Goberno autonómico realizará nas próximas semanas un acto de homenaxe a Isla Couto.
Activo impulsor da cultura galega
Economista, cofundador da Editorial Galaxia, Xaime Isla Couto (Santiago de Compostela, 1915 – Vigo, 2012) foi un activo impulsor da cultura e da lingua galegas en ámbitos diversos, como a empresa, a liturxia, a edición, a investigación etc. Medalla Castelao, Premio Trasalba, doutor Honoris causa pola Universidade de Vigo, ingresou na Real Academia Galega en 1999. Foi tamén cofundador da Fundación Penzol e da Fundación Otero.
Entrevista a Xaime Isla Couto
Novas relacionadas



