A ministra de Educación dominicana visita a Xunta para agradecer o apoio da cooperación galega no seu país

Nos dez anos que o Goberno galego leva cooperando coa República Dominicana en materia de I+D+I a Xunta achegou preto de 600.000 euros.

Listen to this page using ReadSpeaker

Jesús Gamallo coa ministra de Educación dominicana. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, vén de manter un encontro ministra de Educación Superior, Ciencia e Tecnoloxía da República Dominicana, Ligia Amada Melo de Carmona, quen lle expresou o agradecemento do Goberno dominicano polo apoio financeiro que a Xunta esta prestando desde fai dez anos ao seu ministerio para a posta en marchade accións no ámbito da política de innovación.

A colaboración entre a Xunta de Galicia e a República Dominicana no ámbito da cooperación para o desenvolvemento ten os seus inicios no ano 2001 no que se asina o primeiro convenio de colaboración coa Fundación Universidade da Coruña, para a cooperación coa Pontificia Universidad, Católica, Madre y Maestra da República Dominica (PUCMM) e a Secretaría de Educación Superior, Ciencia y Tecnología do Goberno Dominicano no ámbito da investigación e o desenvolvemento tecnolóxico, que tiña por obxecto o deseño e implantación dunha estratexia de Innovación e Política Tecnolóxica daquel país.

Dita colaboración foi continuada ao longo destes dez anos, sendo o resultado da mesma a elaboración do I Plan de I+D+I da República Dominicana, que foi asumido como ferramenta política propia do Goberno Dominicano a través da sinatura dun Pacto de Estado á que foi invitada a participar a Xunta como entidade promotora e patrocinadora do citado plan.

Ademais, a través desta colaboración, estase a dar un apoio integral a actores clave do Sistema Dominicano de Innovación para promover o desenvolvemento da República Dominicana, como son as universidades e as empresas. Nos dez anos que o Goberno galego leva cooperando coa República Dominicana en materia de I+D+I a Xunta achegou preto de 600.000 euros.

Prioridade para a Cooperación Galega
A República Dominica é un país prioritario para a Cooperación Galega, tal e como recolle o II Plan Director 2010-2013, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia. Trátase ademais do segundo país receptor de fondos da Cooperación Galega -despois de Guatemala-, elevándose a máis de 1,2 millóns de euros os recursos destinados a diversos proxectos de cooperación naquel país nestes dous últimos anos.

Dentro desta axuda é de destacar a Iniciativa de Desenvolvemento Integral (IDI) que a Xunta de Galicia levou a cabo na República Dominicana entre os anos 2008 e 2011. Este programa integral desenvolveuse no Barrio de Santa Lucía- La Mosca, en Santiago de los Caballeros, contando coa participación de varias institucións e organización locais.

O obxecto da IDI na República Dominicana foi o de mellorar a área de influencia do Eco Parque de Rafey (nome dun vertedoiro a ceo descuberto e dos barrios lindeiros) para no prazo de 4 anos poder converter esa zona nun asentamento urbano estable e mellorar a calidade de vida dos seus habitantes. Para iso interveuse nos seguintes sectores: auga, saneamento, habitabilidade, saúde, fortalecemento civil, formación profesional e desenvolvemento produtivo, estando implicados nesta IDI varias institucións locais como a alcaldía de Santiago de los Caballeros, a Empresa Municipal de Augas e a Cámara de Comercio, entre outras. No ano 2011 finalizou a execución da IDI en Santiago de los Caballeros, elevándose o financiamento total da Xunta de Galicia a 1.474.000 euros.

Seminario de Creatividade e Innovación
A visita a Galicia da ministra prodúcese no contexto da súa participación nun Seminario sobre Creatividade e Innovación, que organizan en A Coruña, o 1 de marzo, a Fundación Universidade da Coruña e a Fundación Paideia, no marco do Programa Operativo de Cooperación Territorial del Espacio Sudoeste Europeo – SUDOE, financiado pola Comisión Europea.

Na súa intervención no seminario, a ministra deu traslado das accións que dende o Ministerio de Educación Superior, Ciencia e Tecnoloxía da República Dominicana se veñen poñendo en marcha nos últimos anos no ámbito da política de innovación, destacando en tal sentido as achegas que se están a facer dende a Fundación Universidade da Coruña no deseño e execución da mesma, grazas ao apoio financeiro da Xunta de Galicia.

977 lecturas